O Centro de Protonterapia de Galicia entra na fase de instalación do primeiro acelerador da sanidade pública española
Chegan a Santiago de Compostela 12 colectores con materiais da compañía líder en tecnoloxía de terapia de protóns que están a supervisar os traballos
A descarga do material é un paso previo á chegada do acelerador desde Bélxica
O proxecto do Goberno galego continúa a ser o máis avanzado do sistema nacional de saúde e comezará a tratar pacientes no último trimestre de 2026
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2025
O Centro de Protonterapia de Galicia, no que a Xunta está a investir case 20 millóns de euros, avanza nas obras de acondicionamento de espazos e equipos para a súa posta en marcha o próximo ano.
O último é o inicio da fase decisiva da instalación do acelerador, coa chegada a Santiago de Compostela de 12 colectores con materiais da compañía líder en tecnoloxía de terapia de protóns que supervisa os traballos.
Despois de 18 meses do inicio da obra, con dous búnkers construídos ao carón do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, os colectores transportaron o material necesario para situar o acelerador, que xa está listo en Bélxica para o seu envío a Galicia.
Nove profesionais da empresa especializada xa traballan en Santiago como parte do cadro técnico responsable da instalación do equipamento ProteusOne durante o próximo ano. O obxectivo é levar a cabo os traballos da fase de instalación e posta en marcha do acelerador de protóns que fará posible os tratamentos con protonterapia.
Neste proceso é clave a colaboración entre a Consellería de Sanidade, a empresa IBA e a construtora galega Copasa como partes implicadas durante todo o proceso de impulso do Centro de Protonterapia de Galicia.
O proxecto do Goberno galego é un dos maiores fitos en medicina oncolóxica de precisión e o que se atopa nun estado máis avanzando dos nove proxectos do sistema nacional de saúde.
A partir do último trimestre de 2026, agárdase poder atender 250 persoas cada ano, tanto pacientes galegos como tamén de Asturias, Castela e León e do norte de Portugal.
Atenderá especialmente as necesidades médicas daqueles pacientes oncolóxicos con longa supervivencia, sobre todo na poboación infantil.
A protonterapia é unha modalidade especial de radioterapia que emprega un feixe de protóns que permiten, en determinados casos, impartir a dose de radiación adaptándose mellor á zona de tratamento e diminuír os efectos adversos.
Nova infraestrutura sanitaria de vangarda
Na construción dos dous búnkeres do Centro de Protonterapia de Galicia empregáronse 4.000 metros cúbicos de formigón de alta densidade, 500 formigoneiras e unhas 10.000 toneladas de formigón, o que equivale ao peso da torre Eiffel.
Entre as funcionalidades do novo centro destaca a dobre orientación asistencial e científica, con tratamentos de vangarda en protonterapia, por unha banda, e cunha actividade investigadora de alto nivel en colaboración con universidades, empresas e centros internacionais, pola outra.
O novo edificio conta cunha superficie útil de máis de 3.700 m2, nunha superficie total construída de máis de 5.600.
O financiamento da Xunta na execución das obras do edificio de protonterapia compleméntase co equipamento aportado pola Fundación Amancio Ortega, acadando un investimento de 45,5 millóns.
Esta infraestrutura está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.