O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP comparece na Comisión 3ª do Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano
A Xunta convocará en 2026 arredor de 1.500 prazas de profesorado, o que afianzará a mellora progresiva de ratios co reforzo de docentes pese a caída de alumnos
Román Rodríguez detalla que estas contas, que medran ata os 3.090 M€, un récord que representa o “compromiso político” coa educación e a I+D+i “como piares para asegurar o benestar das persoas e o progreso social e económico de Galicia”
Refórzanse as medidas de apoio ás familias con axudas para os comedores de anpas, concellos e centros concertados e a desgravación por compra de libros e material
Increméntase en 160 M€ o orzamento para o profesorado, o que blinda o cumprimento do Acordo de melloras en conciliación, redución de horario lectivo e subas salariais, entre outros
As achegas ás universidades medran ata acadar os 560 M€, acadando xa o 1% do PIB en gasto público marcado polo Estado para 2030 e consolidando a Galicia como a terceira comunidade que máis inviste por alumno
Os retos da ciencia e a innovación céntranse no impulso ás infraestruturas de supercomputación do CESGA e do polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia, a Fundación GALTIA e o despregue da Fábrica de intelixencia artificial
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que a Xunta convocará o vindeiro ano en torno a 1.500 prazas de profesorado a través dunha nova oferta de emprego público, o que permitirá seguir afianzando a baixada progresiva de ratios que Galicia iniciou de xeito pioneiro o pasado curso, ao tempo que asegurar unha plantilla docente ampla e estable con récord de profesores malia o contexto de diminución de alumnado.
A cifra exacta determinarase unha vez que se coñeza o número definitivo de xubilacións, pero en todo caso “cubriremos de novo o 120% das prazas autorizadas polo Goberno do Estado”, segundo explicou esta mañá o conselleiro na Comisión 3ª do Parlamento, onde compareceu co seu equipo para presentar os orzamentos do seu departamento para 2026.
As contas a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para o vindeiro exercicio medran ata os 3.090 millóns de euros, o que supón un aumento de 43,8M€ con respecto ás do ano pasado, pese á caída dun 1,4% dos fondos MRR. Trátase duns orzamentos que son “a expresión dun compromiso político coa educación, as universidades, a ciencia e a innovación como piares fundamentais para asegurar o benestar das persoas e o progreso social e económico de Galicia”, asegurou o conselleiro.
Así pois, a Consellería de Educación disporá en 2026 do maior orzamento da súa historia “consolidando subidas sólidas e constantes xa durante seis anos consecutivos para a mellora do ensino, como servizo público esencial, e o impulso da ciencia como base económica e do coñecemento”, abondou.
No que atinxe ao ámbito estritamente educativo, estas contas permitirán dar resposta a grandes retos como a igualdade de oportunidades, o benestar e a convivencia nas aulas, a chegada de alumnado estranxeiro, o afianzamento do modelo galego de ensino híbrido, a mellora das infraestruturas educativas e o reforzo da profesión docente apoiando e mellorando as súas condicións e formación. Non en balde, aproximadamente dous de cada dez euros dos galegos están destinados á educación.
Novas medidas de apoio ás familias
Román Rodríguez fixo fincapé en que estes orzamentos “permiten reforzar a igualdade de oportunidades” dando cobertura a dúas medidas de nova implantación como son as axudas ás familias para comedores escolares e a desgravación fiscal para a compra de libros e material escolar.
No primeiro dos casos, habilitarase unha nova liña de axudas ás familias para sufragar o custo dos comedores xestionados por anpas, concellos e colexios concertados que, ata o de agora, non recibían apoio directo. O programa, que se estima que beneficiará a uns 20.000 alumnos, desenvolverase en dúas fases. A primeira delas xa en 2026, con 150€ de axuda aos tramos de renda de ata 6.000€ e a segunda, en 2027, incorporando rendas de entre 6.000 e 10.000€, que recibirán unha axuda de 100€.
Así mesmo, entra en vigor a desgravación fiscal para a compra de libros e material escolar das persoas que, por renda, quedan fóra das axudas da Xunta. Isto é, para aquelas familias de rendas que van entre 10.000 e 30.000€ per capita.
Ademais da mellora da calidade da educación, Román Rodríguez fixo fincapé no mantemento da estrutura territorial e laboral do ensino como un dos retos de futuro ante a caída demográfica. Isto estase abordando co cumprimento do Acordo de mellora e modernización do ensino asinado coas organizacións sindicais CCOO, ANPE E UGT que permitiu xa, entre outros, evitar o peche dunhas 500 aulas en dous cursos.
Así mesmo reforzouse a contratación do profesorado, cun récord de 31.756 docentes este curso (150 máis) pese a ter 4.255 rapaces menos. Precisamente no capítulo do profesorado, cómpre destacar o incremento acumulado en 160 M€ do orzamento destinado a persoal desde a posta do mencionado acordo.
Deste xeito, a Consellería de Educación vai seguir implementando as melloras das condicións do profesorado previstas en asuntos como conciliación, redución do horario lectivo, mellora da carreira docente e subas salariais e redución da burocracia.
Neste apoio tamén se inclúe a posta en marcha da Oficina de Apoio ao Docente, incluída xa no Anteproxecto de lei de medidas fiscais e administrativas, co obxectivo de darlle o máximo rango normativo e ofrecer así aos docentes a maior protección e asesoramento. Este novo servizo vén complementar o reforzo que fai este curso o Goberno galego da condición de autoridade pública do profesorado no exercicio das funcións directivas, organizativas, docentes e de corrección disciplinaria, poñendo o acento en que ningún docente sexa vítima de situacións contrarias á convivencia.
Tamén se reforza como unha “prioridade de goberno” a inclusión e o benestar nas aulas como elementos clave para blindar un ensino de calidade e equitativo. Precisamente os Orzamentos 2026 reservan máis de 28M€ para o desenvolvemento da Estratexia de inclusión educativa, con novas medidas como o Termómetro Acoso Escolar e a constitución da Rede de concellos contra o acoso que se unen a outras como o programa de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro ou os primeiros ciclos de FP Básica Adaptada.
Precisamente no eido da FP, nestas contas duplícanse os fondos propios e este departamento vai dispoñer de 18,1M€ para seguir consolidando a Estratexia galega de FP 2030 e o desenvolvemento do Plan FPGal360, con propostas innovadoras de loita contra o abandono escolar.
Máximo histórico para as universidades públicas
A achega orzamentaria ao impulso do sistema universitario público acada os case 560 M€, 20 millóns máis que o ano pasado. Isto consolida a Galicia como a terceira comunidade autónoma que máis inviste por alumno, con 9.655 €. Ademais, deste xeito Galicia acada xa o 1% do PIB de gasto público ás súas universidades, adiantándose a este obxectivo que o Goberno Central fixou para o ano 2030.
No eido universitario, a Xunta sigue reforzando tamén as medidas de apoio ás familias coa matrícula gratuíta para todos os cursos de grao e as taxas conxeladas para os estudos de máster e para os que non cumpren cos requisitos de balde, o que converte a Galicia na comunidade coa universidade pública máis accesible de España. Precisamente, para este capítulo hai consignados 9,3 M€. Ademais, tan só a través do Plan de financiamento universitario, as tres universidades públicas galegas van recibir case 550 M€, uns 35 M€ por riba do previsto ao inicio do Plan en 2022.
A maiores, o impulso do Plan de infraestruturas universitarias dotará de máis de 40 M€ de investimento directo ás tres universidades públicas e mobilizará máis de 100 M€ en total con actuacións clave como a nova facultade de Farmacia, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica, o edificio de investigación e innovación industrial EI3, a rehabilitación dos edificios da antiga ETEA e outras melloras en centros universitarios.
O programa de investigación universitaria medra un 11,5% ata acadar os 118,5 M€, o que permitirá seguir dando oportunidades ao talento investigador galego asegurándolles unha carreira investigadora completa, coa estabilización de contratos posdoutorais e a captación, retención e retorno de persoal investigador excelente.
Modelo galego de investigación estratéxica competitiva
No que atinxe á función investigación, as contas de 2026 acadan un novo máximo histórico cun investimento conxunto de 405,2 M€, o que representa un 9% máis que os 372 M€ deste exercicio.
Neste eido, continuarase coa execución do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, que contempla un investimento superior a 1.300 M€. Isto permitirá seguir avanzando nun modelo de Galicia innovadora e competitiva, con proxectos estratéxicos en todos os ámbitos do coñecemento.
O impulso ás infraestruturas de supercomputación do CESGA e do polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia, a creación da Fundación GALTIA e o despregue da Fábrica de intelixencia artificial de Galicia son algunhas das accións máis destacadas neste ámbito.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou que 2026 vai ser o ano no que se comece o desenvolvemento de GALTIA como a nova Fundación Galega de Atracción de Talento Investigador de Alto Nivel, que contará cun orzamento inicial de 35 M€, catro deles consignados nas contas deste ano, e “cun retorno económico estimado de 117 M€”. Isto permitirá comezar a captar, estabilizar e apoiar ata 30 investigadores de máximo prestixio internacional.
 
											
											 
											
											 
									 
									 
										