Rueda resalta que a Xunta mellora a competitividade e a rendibilidade das pemes de transformación de produtos do mar con 14,7 M€

Vanse apoiar 48 proxectos cos que está previsto mobilizar máis de 26 M€

Salienta que as actuacións previstas están destinadas a “reforzar a calidade dos produtos, mellorar a eficiencia enerxética ou incrementar a seguridade laboral”

Nas convocatorias anteriores destas axudas, cofinanciadas co anterior programa do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2016-2023, a Xunta concedeu apoios a un total de 388 iniciativas por un importe total de máis de 118 M€

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu o visto e prace “a destinar cerca de 15 millóns de euros a mellorar a competitividade e rendibilidade das pemes das pemes de transformación de produtos do mar en Galicia”. O obxectivo é apoiar a un sector “no que Galicia é líder a nivel europeo”.

En concreto, a resolución da convocatoria deste ano recolle a aprobación de 48 proxectos impulsados polo sector por un importe bianual de 14,7 millóns de euros. Con estas achegas, a Xunta contribúe co 50% do importe subvencionable de cada un deles, e esta porcentaxe poderá elevarse ao 100% se o proxecto é de índole colectiva e ten características innovadoras, polo que o investimento total para acometer melloras nas instalacións destas empresas é de 26,4 millóns de euros.

Entre as accións que son obxecto de apoio, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, Pesca e de Acuicultura (FEMPA), está a optimización dos procesos de transformación, a innovación no ámbito da industria de procesamento de peixes e na transformación de moluscos, a ampliación e adquisición de equipamentos nas plantas deste sector e melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outras.

Os beneficiarios destas subvencións son as pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura que realizan investimentos que contribúen, entre outras cuestións, “a reforzar a calidade dos produtos, mellorar a eficiencia enerxética ou incrementar a seguridade laboral dos traballadores”.

O obxectivo desta liña de axudas tamén é que o sector transformador de produtos do mar reduza o seu impacto no ambiente e promova a innovación, o que contribúe a incrementar a súa competitividade e a mellorar os seus resultados económicos.

Cabomar

O Consello da Xunta da Xunta autorizou, no marco destes apoios autonómicos, a concesión, por parte da Consellería do Mar, dunha axuda ao proxecto presentado por Cabomar Congelados, con máis de 20 anos de traxectoria, que dá emprego a arredor de 200 persoas nas súas instalacións en Marín. Esta empresa, que centra a súa actividade na elaboración e no procesamento de produtos do mar, tanto refrixerados como conxelados, recibirá un apoio de 3,7 millóns de euros en dúas anualidades para a modernización e o uso de sistemas de xestión sustentables no seu proceso produtivo.

Anteriores convocatorias

Na anterior convocatoria, a primeira ao abeiro do FEMPA, foron aprobados 45 proxectos impulsados polo sector por un importe de 10,5 millóns de euros que supuxeron un investimento total de 20,9 millóns de euros. Ademais, durante a vixencia do anterior Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) o Goberno galego desenvolveu oito convocatorias destas axudas nunha clara aposta pola innovación e a mellora da competitividade do sector. Así, foron aprobados máis de 118 millóns de euros en achegas para o desenvolvemento de 388 proxectos de mellora das instalacións de pemes de transformación de produtos do mar.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2025