Medio Rural analiza as perspectivas de futuro do sector forestal a partir do ano que vén coa ampliación da moratoria do eucalipto ata 2030
A conselleira María José Gómez reuniuse hoxe coa Asociación Forestal de Galicia para abordar as medidas de flexibilización, avaliar a situación e a necesidade de seguir traballando conxuntamente para aumentar a produtividade do monte e evitar o abandono
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse hoxe con representantes da Asociación Forestal de Galicia para analizar as perspectivas de futuro do sector forestal a partir de 2026, nomeadamente tras a ampliación da moratoria ata 2030 e as medidas de flexibilización que contempla.
Así mesmo, acordaron seguir traballando conxuntamente no marco dos obxectivos establecidos no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 baixo o fin de impulsar a produtividade do monte e evitar o abandono dos terreos.
Gómez incidiu en que esta decisión vinculada á xestión do eucalipto inclúe unha serie de medidas de flexibilización para favorecer a sustentabilidade do sector forestal galego. Deste xeito, permítense novas plantacións para substituír ás xa existentes, sempre que a parcela inicial se transforme a coníferas e frondosas. A nova repoboación non poderá superar, con carácter xeral, o 75 % do eucalipto que había na inicial.
Con respecto á afectación da banda marrón do piñeiro, introduciuse unha flexibilización para aqueles propietarios de plantacións de piñeiro afectados gravemente por esta doenza. Polo tanto, permítese a plantación de eucalipto nun máximo do 50 % da superficie de piñeiro eliminada durante unha quenda de corta, sempre que a metade restante se reforeste con coníferas ou frondosas. Despois da quenda de corta, a persoa titular queda obrigada á plantación de coníferas ou frondosas.