Román Rodríguez destaca a importancia da colaboración entre Galicia e o norte de Portugal en materia de I+D+i para reforzar os proxectos europeos

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía de Braga

O obxectivo da visita é fortalecer o traballo conxunto, fomentar a participación conxunta en proxectos e potenciar a mobilidade do persoal investigador

Braga (Portugal), 27 de outubro de 2025

O Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL) de Braga. Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e unha ampla delegación do sistema de I+D+i galega, o titular de Ciencia da Xunta puxo de relevancia a importancia de tender lazos entre Galicia e o Norte de Portugal e fomentar a colaboración científica, a participación conxunta en proxectos europeos e a mobilidade do persoal investigador entre ambas rexións.

Esta xornada de intercambio científico supón un “paso máis na relación de colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal no ámbito da I+D+i”, sinalou o conselleiro. Esta relación xa conta cunha longa traxectoria e vese reflectida nos tres programas europeos Interreg-POCTEP, que permitiron financiar decenas de proxectos colaborativos desde 2007; no programa lacobus, que financiou máis de 1.100 estadías de investigación en case 40 entidades de Galicia e do Norte de Portugal, e na colaboración permanente entre as universidades de Santiago, Vigo e Coruña e as universidades do Minho, Porto e Trás-os-Montes, que contan con programas de doutoramento e mestrados conxuntos.

Román Rodríguez explicou que esta visita é “especialmente significativa” por ser o centro de nanotecnoloxía de Braga, dirixido por Clivia Sotomayor, froito da colaboración hispano-portuguesa e por ter xogado Galicia un papel clave na súa posta en marcha. Asegurou que confía en que deste encontro xurdan colaboracións que contribúan a fomentar o avance da ciencia tanto en Portugal como en Galicia, porque “hoxe máis que nunca, a ciencia de fronteira e a innovación son colaboración e multidisciplinariedade”.

O centro de nanotecnoloxía

A visita inclúe actividades como relatorios, mesas de debate, grupos de traballo para os investigadores en distintas areas temáticas (ciencias da vida, enerxía e medio ambiente, Tecnoloxías da Información e da Comunicación e materiais avanzados), así como reunións bilaterais entre o persoal investigador da delegación galega e persoal investigador líder dos grupos de investigación do INL.

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (RIS3T), a primeira RIS transfronteriza da UE. A RIS3T 2021-2027 é unha estratexia conxunta de innovación, investigación e especialización intelixente para a eurorrexión formada por Galicia e Rexión Norte de Portugal que ten como obxectivo fomentar a I+D+i conxunta entre ambos os territorios, para aproveitar sinerxias xeográficas, culturais, económicas e científicas compartidas en áreas de especial interese estratéxico para as dúas rexións. Así mesmo, inscríbese nas medidas de dinamización do crecemento e proxección internacional do ecosistema galego de innovación impulsadas pola Xunta de Galicia.

A delegación galega en Braga

A delegación galega está formada por representantes da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da Consellería de Sanidade; as tres universidades públicas galegas, oito dos centros de investigación da Rede CIGUS (AtlanTTic, CICA, CIM, CiMUS, CINBIO, CiQUS, CITIC e IGFAE), outros centros de investigación universitarios (CITEEC, CINTECX, CITENI, IMATUS e CITMAGA), as fundacións de investigación sanitaria Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS); os centros tecnolóxicos galegos, a través da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA) con cinco dos seus centros (AIMEN, ANFACO, CETIM, GRADIANT e ITG), o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA), a Delegación do Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia (CSIC) e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), e os clústeres Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (BIOGA), o Cluster Galego de Saúde (CSG) e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (VIRATEC).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2025