O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias participou esta mañá na reunión do Comité da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria

Medio Rural volve urxir ao Ministerio de Agricultura que defenda ante a UE unha vacina marcada preventiva sobre a dermatose nodular contaxiosa

Reclamouse tamén máis coordinación a nivel estatal e, no caso de detectarse un foco, que se poñen en marcha indemnizacións e que os sacrificios se realicen só en matadoiros e non nas explotacións

A Consellería vén de suspender as feiras de gando e de prohibir a entrada de animais procedentes de explotacións de zonas restrinxidas á DNC, así como outras medidas preventivas, para protexer á cabana gandeira galega da entrada desta doenza

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025

A Consellería do Medio Rural volve urxir ao Goberno central que defensa ante a UE unha vacina marcada, que poida empregarse con fins preventivos, sobre a dermatose nodular contaxiosa. Así o demandou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, no Comité da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria organizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Durante esta xuntanza, reclamouse tamén máis coordinación ao Goberno central para que as comunidades autónomas implementen medidas homoxéneas que lle dean certezas e seguridade ao sector gandeiro. Ademais, esixiu que, no caso de decretarse algún foco en Galicia, se poñan en marcha indemnizacións desde o Ministerio e que os sacrificios poidan realizarse en matadoiro e non nas explotacións.

En todo caso, a día de hoxe non se rexistrou ningún caso desta enfermidade en Galicia, que non afecta nin se transmite ás persoas. Durante o transcurso da reunión explicáronse as medidas que se tomaron dende a Xunta co obxectivo de protexer á cabana gandeira galega. Neste sentido, dende onte están suspendidas todas as feiras, certames e poxas de gando por un período de 21 días. Así mesmo, prohíbese a entrada de animais procedentes de explotacións situadas nas zonas declaradas como restrinxidas á DNC.

Cómpre sinalar que os bovinos con destino a sacrificio poderán entrar na comunidade, sempre que sexan trasladados directamente aos matadoiros. Por outra banda, segue vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para os bovinos con destino vida procedentes de fóra de Galicia. Ademais, nas granxas ás que se incorporen estes animais quedarán inmobilizadas de xeito cautelar durante este mesmo período de tempo. Dita inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.

É obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na granxa á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia. Os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos.

A dermatose nodular contaxiosa

Esta doenza é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. Convén sinalar que esta enfermidade non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores. Pódese consultar máis información na páxina web: Dermatose Nodular Contaxiosa | Portal da Consellería do Medio Rural.

A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza nas primeiras datas do mes de outubro en territorio español, na provincia de Girona en Cataluña, e que ten continuado ata a data con sucesivas notificacións de novos focos nesa comunidade, supón un importante aumento do nivel de risco de aparición da DNC en Galicia.

A fin de previr a súa entrada en Galicia, faise necesario tomar medidas sanitarias cautelares, co fin de protexer á cabana bovina galega. Por parte da Consellería do Medio Rural púxose en marcha no verán unha campaña de información para o sector gandeiro para explicar esta enfermidade e recomendar o incremento de medidas de prevención e bioseguridade nas explotacións, xa antes de que se detectaran os primeiros focos da doenza en España.

Data de actualización: 28/10/2025