A Xunta aposta pola actualización continua da formación das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na clausura do ‘V Encontro das policías locais de Galicia’, organizado pola asociación Axempol
A Estrada (Pontevedra), 28 de outubro de 2025
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na clausura do V Encontro das policías locais de Galicia na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). A xornada, organizada pola Asociación de Xefes e Mandos de Policía Local de Galicia (Axempol) centrouse na seguridade viaria. Ademais, no acto fíxose entrega de distincións ás policías locais de Galicia.
Na súa intervención, Santiago Villanueva recoñeceu o traballo dos policías locais nos concellos galegos e a importancia da actualización continua dos coñecementos dos corpos e forzas de seguridade, que se leva a cabo na AGASP. O director xeral referiuse á academia como centro de referencia desta formación, xa que, ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade cidadá.