Valentín García destaca a importancia do deporte no impulso da lingua “entre a mocidade”
O secretario xeral da Lingua e o delegado da Xunta en Lugo manteñen un encontro con entidades deportivas da provincia para abordar o fomento do galego neste eido
Fai fincapé “na nosa vontade de escoita en moi diferentes sectores para analizar todas as posibilidades de mellora no prestixio da lingua”
Trátase dun dos ámbitos enmarcados no bloque de sociedade, un dos piares da actualización do Plan xeral de normalización
Lugo, 28 de outubro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, mantivo hoxe un encontro con deportistas e responsables de entidades deportivas da provincia de Lugo dedicadas a moi diversas disciplinas para abordar “as posibilidades de mellora no uso e prestixio da lingua neste ámbito, sobre todo, pola súa relevancia para chegar á mocidade”.
Así, xunto co delegado territorial da Xunta, Javier Arias, o responsable de Lingua indicou que a xuntanza responde “á vontade de escoita con todos os sectores, que vimos mantendo desde que anunciamos o Pacto pola Lingua”, puntualizando neste senso, que o eido deportivo está incluído nun dos bloques de traballo, o de sociedade, no que se dividen as comisións de expertos designadas para levar a cabo a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, un dos piares dese Pacto.
Deste xeito, Valentín García lembrou que “a promoción do galego no deporte é unha das claves para fomentar a súa presenza pola cantidade de persoas que move en todos os puntos de Galicia”. Tomando como referencia as achegas das entidades convocadas hoxe en Lugo, desde clubs de elite como o Breogán ata outros dedicados a moi diferentes prácticas como a patinaxe e mesmo a billarda, segundo indicou, “as propostas recadadas serán moi útiles para implementar novas medidas de impulso da lingua”.
 
											
											 
											
											 
									 
									 
										 
										