A Xunta leva a SIMO o modelo referente de educación dixital de Galicia para dar resposta aos novos retos

Román Rodríguez dá conta da futura Lei de educación dixital, a primeira de España, e do proxecto EdugalIA, que aplicará a intelixencia artificial na xestión do sistema

Fai fincapé no benestar da comunidade educativa como obxectivo xeral á hora de facer un uso responsable das novas tecnoloxías

O Goberno galego conta cun stand propio nesta feira onde amosa proxectos como como Polos Creativos, Ágora Dixital, E-Dixgal ou cREAgal

Madrid, 29 de outubro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o modelo referente de educación dixital de Galicia no Salón Internacional de Tecnoloxía e Innovación Educativa, SIMO, que se celebra en Madrid. Un sistema que definiu como “un híbrido no que se equilibra o valor contrastado que ofrece o analóxico e as infinitas posibilidades das novas tecnoloxías, que cómpre empregar con sentidiño”, afirmou.

“A intelixencia artificial e os continuos avances tecnolóxicos supoñen un desafío constante para a nosa sociedade e, dentro dela, para a educación”, explicou Román Rodríguez, reiterando “o compromiso da Xunta para darlle resposta a estes novos retos”. Neste sentido, lembrou que Galicia se vai converter o vindeiro ano na primeira comunidade autónoma en contar cunha Lei de educación dixital, unha normativa tamén inédita en Europa.

Nestes momentos o Goberno galego ten aberto un amplo proceso de participación con axentes da comunidade educativa e expertos para avanzar nos detalles da lei, que ten como obxectivo regular os dereitos e os deberes das familias, dos alumnos e dos docentes neste ámbito.

A nova lexislación regulará aspectos como o axuste do uso das tecnoloxías nas aulas á etapa educativa e grao de madurez dos alumnos, as ferramentas para empregar de xeito responsable a intelixencia artificial ou os horarios de comunicación en liña entre o profesorado e os centros e as familias e os alumnos. “En todos os casos buscamos poñer o benestar dos membros da comunidade educativa por diante e, de feito, este mesmo ano aprobaremos un plan específico de benestar dixital nas aulas”, destacou o conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral técnico, Manuel Vila, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández. 

Expediente integrado

De forma parella, a Xunta está tamén a desenvolver o proxecto EdugalIA, que aplicará a intelixencia artificial na gobernanza do sistema educativo e grazas ao que se vai xerar, por primeira vez, un expediente dixital integrado de cada alumno. Entre outros beneficios, isto vai permitir facer un seguimento personalizado para previr o abandono temperá. Habilitarase, ademais, un espazo entre familias, centros e Xunta para asistencia e información áxil e personalizada a alumnos e familias.

EdugalIA é a primeira iniciativa educativa en conseguir captar fondos del proceso de Compra Pública Innovadora, un total de 10 M€, que se sumarán aos 6,6 que achegará o Gobierno gallego. A contratación do sistema sairá a concurso nos próximos meses.

Máis dunha década de traballo

O titular do departamento educativo da Xunta destacou o labor desenvolvido ata o momento neste eido en Galicia, coa incorporación do libro electrónico hai máis dunha década, o programa E-Dixgal, que combina o electrónico con materiais en papel, foi recoñecido o pasado mes de setembro a nivel estatal coa primeira edición do premio del Observatorio Nacional de Educación Dixital (ONED).

Tamén puxo en valor a posta en marcha, no marco da Estratexia de educación dixital 2030, de programas como o de Polos Creativos, a elaboración de recursos didácticos que combinan ciencia, tecnoloxía e creatividade no marco de  Ágora Dixital ou Creagal, así como as diferentes iniciativas dixitais que se desenvolven nas bibliotecas escolares ou a implantación de novas materias específicas como Educación Dixital, Intelixencia Artificial para a Sociedade ou Tecnoloxías Intelixentes.

Stand propio para compartir boas prácticas

A Xunta de Galicia conta cun espazo expositivo en SIMO no que os visitantes se poden achegar a estas diversas iniciativas que conforman o modelo de ensino dixital de Galicia. O stand está atendido por persoal da Consellería, do Centro Autonómico de Formación e Innovación e do Centro de Innovación Educativa e Dixital.

Ademais, varios representantes da Consellería participan no programa de conferencias e mesas redondas do evento, arredor de temas como o benestar dixital, a presenza das pantallas nas aulas ou o papel da intelixencia artificial no desenvolvemento das competencias profesionais do profesorado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2025