A Xunta destaca os 50 anos de servizo educativo público de calidade do colexio O Coto de Negreira

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visita o centro co gallo deste aniversario e felicita a comunidade escolar

Negreira (A Coruña), 30 de outubro de 2025

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio Plurilingüe O Coto, en Negreira, co gallo do 50 aniversario do centro. A representante da Xunta destacou o medio século de servizo educativo público de calidade deste colexio, o único que imparte Educación infantil e Primaria neste concello, e o seu papel fundamental no desenvolvemento persoal dos veciños de Negreira.

Quixo felicitar tamén a comunidade escolar pola súa implicación nos actos deste aniversario. “Do mesmo xeito que participades nesta conmemoración, os mestres e ex docentes, os alumnos e os que o fostes e agora xa sodes pais, constituídes unha parte única da historia deste centro, que hoxe celebrades”, salientou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Non en balde, o acto de hoxe reúne a antigos directores do centro xa xubilados e antigos mestres e alumnos, que se suman aos actuais docentes, persoal non docente e escolares do CEIP Plurilingüe O Coto, que levan semanas preparando o evento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2025