A Xunta inicia o programa de asistencia oncolóxica que evitará que pacientes con cancro do distrito sanitario de Cee se teñan que desprazar á Coruña

O programa permitirá realizar seguimento a pacientes que non teñen tratamento activo, a administración de terapias de baixa complexidade, implementar controis de toxicidade e levar a cabo consultas de enfermería oncolóxica

A iniciativa evitará que máis da metade dos pacientes con cancro dos concellos de Camariñas, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo e Zas se teñan que desprazar ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña

Durante o ano 2024 o Chuac realizou 329 primeiras consultas e 1.128 sesións oncolóxicas a pacientes adheridos ao Hospital Público de Cee

Para garantir a calidade asistencial deste programa, o Executivo galego reforzará os servizos de oncoloxía da área sanitaria da Coruña e Cee cun facultativo especialista e dous profesionais de enfermería

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025

A Xunta porá en marcha no distrito sanitario de Cee un programa asistencial en oncoloxía que permitirá ofrecer atención sanitaria á meirande parte dos seus pacientes con cancro, evitando a necesidade de desprazarse ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

A iniciativa, que se desenvolverá de xeito progresivo e contará coa supervisión do Servizo de Oncoloxía do Chuac, evitará que máis da metade  dos pacientes (50-60%) dos pacientes con cancro dos concellos de Camariñas, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo e Zas se teñan que desprazar ata a cidade herculina.

Así, este novo programa de asistencia oncolóxica para o distrito sanitario de Cee posibilitará a realización de consultas de seguimento daqueles casos que non están a recibir tratamento activo e para os que o seu profesional de referencia deseñou un cronograma de probas complementarias; tamén  a administración e seguimento de tratamentos de baixa complexidade; a realización de controis de toxicidade; valoracións e seguimento de subespecialidades; consultas de seguimento en pacientes non subsidiarios de tratamentos oncolóxicos activos (en etapa de coidados soporte/tratamento paliativo); e a realización de consultas de enfermería oncolóxica.

Para levar a cabo este programa e acadar unha asistencia de calidade, o servizo de Oncoloxía da área sanitaria da Coruña e Cee verase reforzado coa contratación dun facultativo especialista en oncoloxía médica e dous profesionais de enfermería. Estes profesionais sanitarios traballarán en coordinación con outros servizos do Hospital Público de Cee.

O distrito sanitario de Cee conta cunha poboación de referencia de 36.572 cidadáns pertencentes aos concellos de Camariñas, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo e Zas.

Durante o ano 2024 o Chuac realizou 329 primeiras consultas e 1.128 sesións oncolóxicas a pacientes adheridos ao Hospital Público de Cee.

Mediante este proxecto que se pon en marcha, a Xunta impulsa a equidade asistencial achegando unha atención oncolóxica, próxima e humanizada, ao tempo que garante os máximos estándares de calidade e seguridade sanitaria. 

Con esta iniciativa evitaranse desprazamentos a pacientes e familias, co impacto que todo iso pode ter en termos de calidade de vida, dificultade de acceso ou problemática familiar para moitos destes pacientes. 

As instalacións do novo Hospital de Día Oncolóxico do Hospital Público de Cee foron acondicionadas cun investimento de 88.500 € para acoller ata seis postos de tratamento simultáneo. O centro de atención oncolóxica conta con equipamento moderno e conexión directa co Chuac, o que garante a continuidade asistencial e o seguimento integral de cada un dos pacientes oncolóxicos.

Data de actualización: 30/10/2025