O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, participaron hoxe na xuntanza da comisión de seguimento do convenio para a construción do novo centro de saúde de Moaña
A Xunta solicítalle ao concello de Moaña que desbloquee o remate das obras do novo centro de saúde e execute canto antes a acometida de augas
A Consellería de Sanidade advirte de que as actuacións de responsabilidade municipal condicionan a data de finalización e posta en servizo do novo centro de saúde
Unha vez rematada a infraestrutura, comezará o proceso de instalación de equipamento e de realización de probas de funcionamento para a súa posta en servizo
Durante ese período, realizarase un estudo técnico de alternativas que definirá o modelo máis completo e seguro desde o punto de vista médico e de atención ao paciente para a prestación do servizo das urxencias sanitarias aos veciños
O novo centro de saúde dispón do espazo necesario para a prestación do servizo de urxencias, de acordo co previsto no convenio
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025
A Consellería de Sanidade solicitoulle hoxe ao Concello de Moaña que desbloquee o remate das obras do novo centro de saúde e execute á maior brevidade a acometida de augas, que continúa pendente.
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, participaron hoxe na xuntanza da comisión de seguimento do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Moaña para a construción do centro de saúde no municipio.
Nese encontro, os representantes autonómicos advertiron de que as actuacións de responsabilidade municipal condicionan a data de finalización e posta en servizo do novo centro de saúde de Moaña.
Unha vez concluídas as obras, a Consellería de Sanidade comezará o proceso para instalar no novo centro de saúde o mobiliario e o equipamento necesario, ademais de realizar as probas precisas para a súa posta en funcionamento.
Nos últimos meses, a Consellería de Sanidade sacou a licitación diferentes contratos para dotar do equipamento e mobiliario o centro de saúde. Ademais, licitouse un novo contrato de limpeza dos centros de saúde do Morrazo que inclúe a prestación deste servizo no futuro centro, en canto se poña en funcionamento.
Tendo en conta iso, o Servizo Galego de Saúde trasladou ao Concello que, por parte da Administración autonómica se están a dar todos os pasos para dotar os veciños de Moaña dun novo centro de saúde amplo, moderno, accesible o antes posible, polo que insistiu na necesidade de que o Concello non dilate por máis tempo as actuacións que lle corresponden.
Na xuntanza, os responsables da Consellería de Sanidade informaron, ademais, que durante este tempo que resta para a posta en servizo do novo centro de saúde de Moaña se realizará un estudo técnico de alternativas que definirá o modelo máis completo e seguro desde o punto de vista médico e de atención ao paciente para a prestación do servizo das urxencias sanitarias aos veciños do municipio. Será realizado por profesionais sanitarios expertos nos eidos da atención primaria e das urxencias.
Cómpre ter en conta que o novo centro de saúde dispón do espazo necesario para a prestación do servizo de urxencias, de acordo co previsto no convenio. Segundo apuntaron os responsables do Servizo Galego de Saúde, os servizos do novo centro virán determinados polos criterios dos profesionais sanitarios, que son os responsables de ofrecer e garantir a mellor asistencia á poboación.
O Goberno galego reitera o seu compromiso coa atención sanitaria en Moaña, lembrando que, ademais da execución do novo centro de saúde, neste ano se acometeu a reforma do consultorio de Domaio e se dotou unha nova ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería. Así, o Executivo autonómico está a investir preto de 10 millóns de euros na sanidade pública neste municipio.
Xunto con isto, a Xunta ten o compromiso de construír un novo Centro Integral de Saúde do Morrazo que está bloqueado porque o Concello de Cangas non puxo á disposición os terreos dispoñibles. De acordo coa alcaldesa e o Concello de Moaña, ese equipamento centralizará o servizo de PAC para os veciños de ambos os municipios.