A Xunta dará por finalizada mañá a alerta por posibles efectos da calor na zona de Valdeorras

Nos vindeiros días espérase que a masa de aire cálido se vaia desprazando cara ao leste, sendo substituída por aire atlántico, máis fresco e húmido

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026

 Segundo os datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia, e no ámbito do Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, a Xunta dará por finalizada, a partir de mañá xoves, a alerta por episodio de calor que mantiña na zona isoclimática de Valdeorras.

Segundo a previsión de Meteogalicia, a partir de mañá xoves a masa de aire cálido irá desprazándose cara ao leste, sendo substituída por aire atlántico, máis fresco e húmido. Isto fará que en Galicia as temperaturas vaian descendendo, dun xeito lixeiro mañá xoves, e de forma máis acusada o venres e o sábado.

O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas está dispoñible nesta ligazón.               

Para elaborar o mapa de riscos para a saúde provocados polas altas temperaturas, a Consellería de Sanidade ten en conta os datos rexistrados por Meteogalicia e por Meteosalud.

Meteogalicia ten en conta as temperaturas máximas e mínimas diarias e tamén se se superan os límites establecidos para que poida ter lugar un episodio de calor. Pola súa banda, Meteosalud realiza os seus cálculos de acordo á análise das series temporais de temperatura e mortalidade tendo en conta os datos rexistrados nos últimos 20 anos.


Para anticiparse aos posible efectos das altas temperaturas na saúde da poboación galega, a Consellería de Sanidade ten en conta os niveis de alerta de ambos os sistemas co obxectivo de establecer un nivel de alerta de acordo aos seus datos. Xa que logo, a información que conteñen estes tres mapas responde a diferentes parámetros, motivo polo que poden non coincidir.

Data de actualización: 22/07/2026