Declaración institucional para conmemorar o 31 de outubro como data histórica da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2025
O día 31 de outubro de 1991, na cidade do Porto, foi asinado pola Xunta de Galicia e pola Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-NORTE) o Protocolo Constitutivo da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal, acto fundador da primeira estrutura de cooperación territorial na fronteira entre España e Portugal.
Esta data representa un marco histórico de enorme relevancia para o artellamento político, institucional e social entre dous territorios unidos por unha identidade partillada, por desafíos comúns e por unha vontade firme de construír un futuro en conxunto.
Máis de tres décadas despois, os froitos dese compromiso son visibles e recoñecidos, tanto no eido nacional coma no europeo. A creación da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, AECT (Agrupación Europea de Cooperación Territorial), acollida en Vigo, reforzou a capacidade executiva desta cooperación transfronteiriza, elevándoa a un novo chanzo de coordinación, eficacia e proxección internacional, a través do desenvolvemento de diversos proxectos e actividades de acreditado éxito.
Co recoñecemento ao valor histórico, simbólico e estratéxico desta iniciativa, conmemórase o día 31 de outubro como “Día da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal”, para o obxecto de:
- Celebrar a sinatura do protocolo que lle deu inicio á cooperación transfronteiriza nos dous territorios;
- Valorizar os resultados concretos alcanzados en beneficio das poboacións da Raia e de todo o territorio eurorrexional;
- Reafirmar o compromiso continuo co desenvolvemento conxunto, a cohesión territorial, a solidariedade e a construción dunha Europa máis próxima aos cidadáns;
- Incentivar o desenvolvemento activo da sociedade civil, das institucións e dos axentes económicos e culturais neste proxecto común.
Declaramos, así mesmo, o noso compromiso de continuarmos a traballar cos diversos actores da Eurorregião no ámbito do Estatuto do Traballador Transfronteirizo. Reafirmamos a importancia da cooperación institucional para aproximar os axentes públicos e privados galegos e portugueses, así como da cooperación sectorial, que constituirá permanentemente unha prioridade.
Asumimos o compromiso de executar e apoiar proxectos e programas nas áreas da Innovación, Investigación, Cultura e Patrimonio, Turismo, Mobilidade Sustentábel, Aeroespacial, Economía e Emprego, entre outras, sempre nunha estreita xoga coas presidencias da Xunta de Galicia e da CCDR-NORTE.
Recoñecemos igualmente que a mobilidade sostible é decisiva para o desenvolvemento económico e a cohesión territorial. Xa que logo, afirmamos o noso apoio activo á reivindicación da conexión ferroviaria de alta velocidade e á modernización efectiva do “Tren Celta”, e promovemos a realización de estudos e iniciativas que termen destes obxectivos.
Reivindicamos, do mesmo xeito, xunto aos Gobernos de España e Portugal, que o financiamento sexa atribuído no inicio do novo período de programación orzamentaria 2028–2034 e canalizado directamente para as AECT ou estruturas similares nas rexións transfronteirizas.
Os 6,2 millóns de persoas que vivimos neste territorio único de 51.000 km2 constituímos un activo específico con identidade propia. Así, esta data representa un recoñecemento xusto e merecido da visión dos seus fundadores, Xunta de Galicia e CCDR-NORTE, da dedicación de todos os que contribuíron para a consolidación da Comunidade de Traballo e da relevancia crecente da Eurorrexión como espazo de innovación política, diálogo transfronteirizo e cooperación sostible.
O día 31 de outubro representa un símbolo de unión, progreso partillado e esperanza colectiva.