A Conta Satélite do Deporte informa dun crecemento do 12% no valor engadido xerado polo sector en 2023 en Galicia
En termos de emprego, o sector deportivo é responsable directo de 17.248 postos de traballo, que representan o 1,5% do total do emprego da economía galega
Santiago, 1 de novembro de 2025
O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar o último informe da ‘Conta satélite do Deporte’ que arroxa un crecemento do 12% no valor engadido xerado polo sector deportivo en Galicia con respecto ao ano anterior. Neste sentido, o valor engadido bruto en 2023 ascendeu a 694.561 miles de euros, o que representa o 0,9% do Produto Interior Bruto xerado na Comunidade autónoma en dito período.
Ademais, en termos de emprego, o sector deportivo é responsable directo de 17.248 postos de traballo, que representan o 1,5% do total do emprego da economía galega. A meirande parte do emprego é asalariado, cuxa remuneración alcanzou os 555.774 miles de euros. Esta masa salarial representa o 1,6% da Remuneración de asalariados total da economía galega.
O traballo comezado en decembro de 2020 tivo como froito a ‘Conta Satélite do Deporte’, medida pioneira no conxunto do Estado, xa que esta operación estatística non existe en ningunha outra comunidade autónoma nin na propia Administración Xeral do Estado. Do mesmo xeito é unha das poucas en funcionamento no contexto da Unión Europea.
O coñecemento e a toma de decisións ao redor do sistema deportivo en Galicia poderán valerse da enorme utilidade que proporciona a información testada e os datos procedentes dos distintos e variados parámetros económicos do deporte, ofrecendo unha medición completa da relevancia económica deste en Galicia.
O pasado 27 de decembro de 2024 o IGE publicaba o primeiro informe da ‘Conta Satélite do Deporte’ e o 10 de xaneiro do presente ano, o IGE emitía a ‘Información socioeconómica sobre o sector do deporte’.