O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, interveu no acto de conmemoración do Día galego sen tabaco, celebrado na Consellería de Sanidade

A Xunta destaca no Día Galego Sen Tabaco o apoio médico a deixar de fumar, cun incremento de preto do 60 % de persoas a tratamento no último ano

Calquera persoa que desexe abandonar o consumo de tabaco pode ser atendida no seu centro de saúde para seguir un tratamento, que en 2023 iniciaron 1.949 fumadores e no 2024 ascendeu a 3.080

O seguimento a pacientes do programa de cesación tabáquica incluirase na plataforma de teleasistencia Telea

A Xunta reforzará a información para que os profesionais da sanidade pública deixen de fumar e sirvan de exemplo á sociedade

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2025

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, remarcou o apoio médico ás persoas que queren deixar de fumar e que no último ano viu incrementado nun 58,03 % o número de pacientes a tratamento na sanidade pública.

Así o destacou, acompañado pola subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables da Dirección Xeral de Saúde Pública, Sagrario Pérez, durante a súa intervención no acto de conmemoración do Día galego sen tabaco celebrado no edificio administrativo de San Lázaro.

O xerente do Servizo Galego de Saúde resaltou o valor da prevención e do acompañamento para evitar o consumo de tabaco. “Deixar de fumar non é doado e ninguén debería sentirse xulgado por non conseguilo á primeira”, recoñeceu José Ramón Parada.

O número de persoas que foron tratadas en consulta de medicina de familia dentro dun programa de cesación tabáquica foi de 1.949 en 2023 e chegou a 3.080 o ano pasado.

Entre as medidas a tomar pola Consellería de Sanidade para mellorar esta atención está o seguimento a través da plataforma de teleasistencia Telea a pacientes que estean deixando de fumar a través da sanidade pública.

Ademais, o xerente do Sergas falou da influencia dos profesionais sanitarios como exemplos á sociedade. “Cando un profesional da saúde fuma, está a transmitir sen pretendelo unha mensaxe contraditoria”, sinalou Parada.

Por este motivo, a Xunta intensificará a información aos profesionais da sanidade pública para deixar de fumar e reforzará a sinalización dos centros sanitarios como espazos libres sen fume.

Na xornada de hoxe, as sete áreas sanitarias desenvolven actividades de difusión sobre os prexuízos do tabaquismo e as ferramentas para deixalo.

Outra das medidas postas en marcha dentro do Plan Inspira Saúde 2023-2027 é o proxecto piloto de cribado de cancro de pulmón que comezou no centro de saúde do Ventorrillo da Coruña e que se estenderá nunha segunda fase a toda Galicia. Esta mesma semana xa comezaron a enviarse as primeiras mensaxes SMS para solicitar voluntarios entre 55 e 74 anos que sexan fumadores ou exfumadores (con menos de 10 anos de abstinencia) e se contan cunha exposición tabáquica de máis de 20 paquetes ao ano.

No acto celebrado hoxe na Consellería de Sanidade, que levou por título Novos consumos, mesma elección: elixe saúde, foi destacado que Galicia será a primeira comunidade en España en equiparar as limitacións ao consumo de vapeadores co tabaco.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2025