A Xunta contribúe con máis de 162.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental a sufragar varias actuacións no concello de Ortigueira

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, coñeceu esta mañá algunhas das accións municipais financiadas con esta achega da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

O Concello de Ortigueira é un dos 11 municipios da zona, xunto aos de A Capela, Cariño, Cedeira, Mañón, Monfero, Narón, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño, beneficiarios este ano da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental que deixou na zona máis de 856.000 euros en axudas

Ortigueira (A Coruña), 3 de novembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, visitou esta mañá o concello ao que se lle vén de conceder unha axuda de 162.360 euros a través da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) para a execución de varias actuacións.

Concretamente desprazáronse ao polígono industrial de Cuíña para coñecer a nova miniexcavadora e o remolque de tipo agrícola para o seu desprazamento que o Concello acaba de adquirir para dar apoio ás tarefas de mantemento, conservación de espazos naturais e de control e emerxencia ambiental. O seu orzamento superou os 92.680 euros.

Con cargo a esta mesma axuda da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, o Concello vén de incorporar novo equipamento ofimático para o persoal municipal. Trátase de varios ordenadores portátiles cuxo orzamento superou os 3.100 euros.

Ademais a achega autonómica permitiu á entidade local sufragar os gastos de contratación durante catro meses dunha cuadrilla municipal de vixiantes medioambientais. Esta está formada por nove persoas que teñen asignadas funcións de protección do medio ambiente e do espazo natural e que estarán vinculadas ao departamento de limpeza e recollida de residuos sólidos urbáns. Neste caso o orzamento ascende a 66.575 euros.

A delegada da Xunta en Ferrol lembrou que Ortigueira é un dos 11  municipios do ámbito territorial, xunto aos de A Capela, Cariño, Cedeira, Mañón, Monfero, Narón, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño, beneficiarios este 2025 da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental que deixou na zona máis de 856.000 euros en axudas. O Fondo de Compensación Ambiental foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2025