A Xunta destaca en Sevilla a importancia da colaboración coas entidades locais a prol da ordenación e reforzo das feiras e mercados
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta tarde na mesa de directores xerais de Comercio de España, onde presentou as liñas de actuación galegas para avanzar no mellor funcionamento da venda ambulante
A intervención inscríbese no proceso de diálogo aberto polo Goberno central coas CCAA para facilitar o intercambio de ideas e propostas de cara a unha maior harmonización e coordinación na regulación deste ámbito, de competencia municipal
Alén indicou que o Plan galego aposta polo modelo de cogobernanza e pola colaboración cos concellos, facilitando ferramentas como, por exemplo, unha futura ordenanza tipo que permita homoxeneizar a normativa destes espazos
Tamén explicou que se contemplan accións específicas como a creación dun circuíto de feiras na Comunidade, co obxectivo de poñer en valor estes enclaves comerciais clave para a dinamización de núcleos urbanos e rurais
Sevilla, 4 de novembro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta tarde na mesa de directores xerais de Comercio de España, onde expuxo as liñas de actuación previstas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para avanzar, da man da administración local e do propio sector, na potenciación e ordenación da venda ambulante e das feiras e mercados.
A intervención inscríbese no proceso de diálogo aberto polo Goberno central coas diversas comunidades autónomas, que pretende facilitar o intercambio de propostas e traballar cara a unha maior harmonización e coordinación na regulación deste ámbito, que é de competencia municipal.
Alén indicou que o Plan galego aposta pola colaboración con concellos e comerciantes e pola disposición autonómica de apoio técnico e ferramentas comúns —entre elas, por exemplo, unha futura ordenanza tipo— para contribuír ao mellor funcionamento destes espazos e á dignificación do labor dos autónomos ambulantes.
No marco da estratexia comercial, sinalou tamén outras iniciativas previstas como Feiras de Galicia, que prevé incentivos e unha identificación especial para aquelas feiras e postos que cumpran parámetros de calidade previamente definidos.
A este respecto, o director xeral puxo en valor a cogobernanza e o diálogo permanente cos municipios e co propio sector como mecanismos necesarios para que as feiras e mercados continúen a ser espazos de atracción e dinamización do comercio local, en núcleos urbanos e rurais, sempre con criterios de control, calidade e sustentabilidade.