A Xunta destina 60.000 euros á mellora da eficiencia enerxética do pavillón e o campo de fútbol municipais de Rábade
O delegado territorial, Javier Arias, explica que o concello recibe o financiamento con cargo á orde de axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local 2025
Lugo, 5 de novembro de 2025
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destina 60.000 euros ás obras de mellora da eficiencia enerxética do pavillón e o campo de fútbol municipais de Rábade, que están a piques de finalizar.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e a alcaldesa, Remedios González, visitaron as instalacións para informar sobre os traballos, financiados con cargo á orde de axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local 2025. Esta liña vai destinada a colaborar cos concellos para executar obras de mellora enerxética nos edificios municipais.
No caso do pavillón, as actuacións inclúen a renovación da iluminación por outra con tecnoloxía LED que mellora o rendemento enerxético. En concreto, instaláronse 24 proxectores de 250 W, 10 barras dobres, 26 barras sinxelas e 8 luces de emerxencia, todos con sistema LED.
Neste mesmo recinto tamén se procedeu a reformar a cuberta, co fin de lograr un maior illamento térmico do edificio.
Outra acción é o cambio das caldeiras de subministro de auga quente sanitaria ao pavillón e aos vestiarios do campo de fútbol, que se están substituíndo por termos de aerotermia, dous en cada espazo.
“Todos estas actuacións en conxunto contribuirán a reducir o consumo enerxético e mellorarán o confort nas instalacións”, destacou Arias, quen apuntou que esta liña de axudas serviu para impulsar este ano 23 proxectos de concellos lucenses cun investimento de case 1,3 millóns de euros por parte da Xunta.