A Xunta avanza que o Servizo de Radioloxía do Hospital do Barco de Valdeorras se reforzará con máis profesionais e a adquisición dun novo mamógrafo
O conselleiro de Sanidade sinala que este centro da rede do Sergas conta cun novo radiólogo que leva traballando desde o pasado mes de outubro e coa expectativa de dotar ao hospital cun terceiro profesional en vindeiros chamamentos
Destaca que os orzamentos da Xunta para 2026 recollen unha partida de máis de 325.000 euros para a compra dun novo mamógrafo
Incide en que a Xunta sempre vai apostar polos hospitais comarcais, como demostran as contas do Executivo galego de 2026
Reitera que a falta de médicos en determinadas especialidades, problema que lle compete arranxar ao Ministerio de Sanidade, dificulta no conxunto do Estado que se poidan cubrir as prazas nos casos de xubilacións, baixas, ausencias ou vacacións
Subliña que a realización puntual de probas en Ourense tivo como finalidade garantir a realización das mesmas en tempo e forma
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que o Servizo de Radioloxía do Hospital do Barco de Valdeorras se reforzará con máis profesionais e a adquisición dun novo mamógrafo.
Tal e como detallou o titular da carteira sanitaria da Xunta, este hospital conta cun novo radiólogo que leva traballando desde o pasado mes de outubro, e coa expectativa de dotar este centro cun terceiro profesional nos vindeiros chamamentos.
Ademais, os orzamentos da Xunta para 2026 recollen unha partida de máis de 325.000 euros destinados á compra dun novo mamógrafo para o hospital do Barco de Valdeorras.
O conselleiro referiu que, como consecuencia do déficit de médicos de determinadas especialidades que padece toda España, durante uns meses deste ano só houbo un radiólogo no Barco de Valdeorras e, cando este profesional colleu vacacións, decidiuse realizar puntualmente os procesos en Ourense.
Esta decisión buscou garantir que os procesos prioritarios se fixeran o antes posible, e as demais probas se reprogramasen no menor tempo, dándolle continuidade asistencial a todas as persoas que o precisasen nas súas probas radiodiagnósticas.
Como exemplo de que esta planificación tivo bos resultados, o conselleiro subliñou o incremento dun 4,39% na participación no Programa galego de detección precoz de cancro de mama, e destacando que as mamografías foron lidas e informadas en cinco días.
Aposta polos hospitais comarcais
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, Gómez Caamaño incidiu en que o Executivo galego sempre vai apostar polos hospitais comarcais, como o demostran as contas da Xunta de 2026, que reservan máis ca nunca recursos para a sanidade pública, representando case o 40 % do orzamento.
Ademais, as contas da Xunta elevan o capítulo de persoal ata o seu máximo histórico para crear e consolidar novas prazas que reforcen o sistema sanitario público galego.
O conselleiro referiu que o problema da falta de médicos que está a afectar a todo o sistema nacional de saúde é responsabilidade directa do Ministerio de Sanidade, que é o que pode poñer os medios necesarios para que haxa profesionais que as comunidades autónomas poidan contratar.
Este problema que o Goberno central non dá arranxado, dificulta no conxunto do Estado que se poidan cubrir as prazas nos casos de xubilacións, baixas, ausencias ou vacacións.
Gómez Caamaño explicou que a Xunta, no ámbito das súas competencias, aprobou leis que facultan a convocar prazas por concurso de méritos para, deste xeito, reforzar os hospitais comarcais como o do Barco de Valdeorras.
Xunto ao anterior, a Xunta valora con puntuación extra os servizos prestados nos hospitais comarcais.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro subliñou que desde a Xunta seguiranse a buscar solucións a esta situación de falta de profesionais sanitarios, xestionando con eficacia a realidade e o día a día da sanidade pública.