O delegado territorial da Xunta en Ourense visitou esta mañá a tenda de xoguetes ‘Jungla Kids’ da cidade de Ourense
Manuel Pardo destaca a contribución do bono Activa Comercio ao pulo dos establecementos de proximidade
O delegado subliñou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 8,5 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos
Manuel Pardo destacou que se trata dunha iniciativa “que amosa o noso compromiso co comercio polo miúdo, actividade vital na xeración de riqueza e emprego, na fixación de poboación e na vertebración das nosas vilas e cidades”
As persoas consumidoras usuarias poden descargar un bono desconto de 30 euros na web www.bonosactivacomercio.gal para empregar directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos, exceptuando tarxetas regalo, vales ou similares
Como novidade, os establecementos non terán que inscribirse de nova para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición, co obxecto de gañar en axilidade. En todo caso, se algún comercio non se sumara e quere facelo agora, ten de prazo aínda deica o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición
Ourense, 6 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá a tenda de xoguetes ‘Jungla Kids’, co gallo do lanzamento da nova edición dos bono Activa Comercio. Nesta segunda convocatoria do ano, a Xunta está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 8,5 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos co obxectivo de incentivar a demanda, atraer nova clientela ao sector e seguir a fomentar o comercio coma unha ferramenta clave do territorio.
O delegado territorial salientou que dende a súa activación, onte a partir das 09,00 horas, xa hai mais dun milleiro de establecementos adheridos en toda a provincia; hai máis dun milleiro de comercios participantes, nos que se levaban trocado máis de 213.000 euros en descontos, cunha mobilización total de vendas de arredor de 1 millón de euros.
“Unha mostra do noso compromiso co comercio polo miúdo, actividade vital na xeración de riqueza e emprego, na fixación de poboación e na vertebración das nosas vilas e cidades”, destacou Manuel Pardo, incidindo “que con esta iniciativa de dinamización permitirá incrementar as vendas do comercio, ao tempo que os bonos de desconto outorgarán unha maior capacidade de compra aos consumidores”.
As persoas consumidoras usuarias poden descargar un bono desconto de 30 euros na web www.bonosactivacomercio.gal para empregar directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos, exceptuando tarxetas regalo, vales ou similares. Como novidade, os establecementos non terán que inscribirse de nova para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición, co obxecto de gañar en axilidade. En todo caso, se algún comercio non se sumara e quere facelo agora, ten de prazo aínda deica o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición.
Tralo percorrido polo establecemento, o delegado territorial afirmou que “para a Xunta o comercio de proximidade é absolutamente prioritario dada a súa repercusión no crecemento económico e social da provincia de Ourense e de Galicia”; por iso, “pretendemos poñer á disposición do noso comercio local todas as ferramentas que precisades para afrontar os retos que tedes por diante, así coma medidas para garantir a necesaria remuda xeracional”, sentenciou.
Os bonos Activa Comercio
Os bonos Activa Comercio son unha das medidas contempladas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para revitalizar os establecementos de proximidade, incrementar a competitividade deste sector e incentivar o consumo local. En concreto, enmarcase no seu eixe 2, para a dinamización e visibilidade do comercio.
Cada bono ofrece un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos. As persoas consumidoras interesadas poderán descargar eses bonos desde a web www.bonosactivacomercio.gal e canxealos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.