A Xunta resalta o crecemento histórico do cooperativismo con máis de 2.000 entidades activas e avanza na futura Lei para impulsar o sector

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, respondeu unha pregunta sobre o balance do cooperativismo na Comunidade na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

Reafirmou o compromiso firme do Goberno galego con este modelo empresarial estratéxico, clave para o desenvolvemento económico, a cohesión social e a fixación de poboación no territorio

Salientou que, por primeira vez, se superou o fito das 2.000 cooperativas activas, cifra que supón un incremento do 40 % con respecto a hai tan só cinco anos, e que se traduce nun volume global de facturación superior aos 3.000 millóns de euros anuais

Lembrou que Galicia avanza na tramitación do Anteproxecto da nova Lei de Cooperativas, coa previsión de contar cun texto definitivo aprobado no primeiro trimestre de 2026

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, salientou hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego o compromiso firme e continuado da Xunta de Galicia co impulso do cooperativismo, ao que definiu como un modelo empresarial estratéxico para o desenvolvemento económico, a cohesión social e a fixación de poboación no territorio.

Fíxoo no marco da resposta a unha pregunta sobre o balance do cooperativismo na Comunidade, na que indicou que o cooperativismo galego se atopa nun momento histórico que confirma a consolidación do sector. Por primeira vez, salientou, superouse o fito das 2.000 cooperativas activas, cifra que supón un incremento do 40 % con respecto a hai tan só cinco anos, e que se traduce nun volume global de facturación superior aos 3.000 millóns de euros anuais. Ademais, fixo fincapé en que durante o ano 2024 se crearon 190 novas cooperativas, que implicaron a máis de 500 persoas promotoras.

En relación á súa distribución territorial, explicou que se trata dun modelo presente de xeito significativo en todas as provincias, o que pon de manifesto a súa capacidade de adaptación a contornas e necesidades territoriais moi diferentes. Non obstante, detallou unha maior concentración en Ourense, seguida de Pontevedra, A Coruña e Lugo. Tamén destacou o incremento das cooperativas de traballo asociado, con especial presenza das xuvenís, e o crecemento das cooperativas de consumidores e usuarias/os.

Neste senso, Marta Mariño puxo de relevo a diversificación sectorial que está caracterizando ao cooperativismo nos últimos anos. Xunto ao peso tradicional no sector primario, o modelo avanza con forza en servizos urbanos relacionados coa educación, a cultura, a hostalaría ou os coidados. Neste sentido, resaltou a función de resiliencia territorial que estas entidades desempeñan no rural e nas comarcas, así como o seu papel de innovación social e cohesión comunitaria nos ámbitos urbanos, sendo especialmente relevante a súa contribución fronte a desafíos como o despoboamento, o envellecemento demográfico ou a concentración da actividade económica no eixo atlántico.

Futura Lei de Cooperativas de Galicia

Na súa intervención, a directora xeral tamén explicou que no contexto da declaración do Ano Internacional das Cooperativas 2025 por parte da ONU, a Xunta está a reforzar a visibilización e o diálogo permanente co sector, mediante a tramitación do Anteproxecto da nova Lei de Cooperativas de Galicia, coa previsión de contar cun texto definitivo no primeiro trimestre de 2026. A futura Lei configurará unha panca normativa orientada a facilitar a creación e consolidación de cooperativas, a impulsar o Rexistro Autonómico e a adaptar o marco regulador ás novas necesidades da economía social. O texto poñerá especial atención ao desenvolvemento do cooperativismo en ámbitos estratéxicos como os coidados, a enerxía e a vivenda.

Finalmente, indicou tamén que o compromiso co sector queda reflectido nos orzamentos da Xunta para 2026, que destinan 10,6 millóns de euros ao reforzo de programas clave como Aprol Economía Social, ES-Transforma, ES-Factory e o Bono Consolida. A eles engádense ademais 2,7 millóns de euros para fortalecer a Rede Eusumo e apoiar ás entidades representativas da economía social para o desenvolvemento de accións de información, divulgación, asesoramento, formación e promoción en todo o territorio galego.

Data de actualización: 06/11/2025