A Xunta emite declaración de impacto ambiental favorable sobre o proxecto para ampliar unha explotación de vacún de leite en Castro de Rei
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que a actuación é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia resolución e na documentación avaliada
O obxectivo do promotor é aumentar a capacidade da granxa ata as 995 reses ampliando as cortes e construíndo unha fosa de xurros, un almacén e outros locais
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025
A Xunta acaba de emitir declaración de impacto ambiental (DIA) favorable á ampliación dunha explotación de gando de vacún de leite localizada no lugar da Barxa, en Castro de Rei, unha decisión supeditada, en todo caso, a que se cumpran os condicionantes e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia DIA, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación presentada polo promotor.
Segundo consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, o proxecto para ampliar a actual granxa, promovida por SAT Otero Novo 1170 Xuga, é ambientalmente viable.
Cómpre lembrar que a DIA foi elaborada dentro do proceso de tramitación de autorización substantiva seguido pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Dado que a explotación á que se refire terá capacidade para 995 prazas de vacún de leite, a ampliación proxectada atópase incluída dentro dos supostos que, por lei, deben someterse ao procedemento de avaliación de impacto ambiental e a formulación da correspondente DIA.
Neste sentido, a documentación presentada polo promotor da actuación foi sometida a participación pública, cun resultado de oito organismos e entidades preguntados. Froito destas consultas, os informes sectoriais emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicións que se engaden ás incluídas no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade publicada hoxe.
Neste sentido, os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera; ruídos; olores; emisións; protección dos solos e das augas, entre outros.
Unha vez emitida esta DIA —que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para desenvolver a ampliación— e publicada tamén no DOG e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, remitirase a resolución ao órgano substantivo para que continúe coa tramitación do proxecto.
Última fase do desdobramento
O obxectivo da ampliación da explotación obxecto desta DIA é obter a autorización necesaria para poder incrementar a súa capacidade actual de produción ata as 995 prazas mediante unha serie de obras e melloras que inclúen o aumento do volume das cortes de vacún de leite, a construción dunha fosa de xurro xunto co seu vaso de carga, unha esterqueira, un almacén e varios locais auxiliares anexos ademais do derrubamento dalgún dos silos.
O leite producido comercialízase a través dunha empresa láctea, a metade dos tenreiros e xovencas son vendidos cuns días para o seu cebo en cebadeiros industriais e as vacas vellas véndense ao matadoiro. Na reposición de reses produtoras emprégase recría da propia explotación e os animais divídense en distintos lotes produtivos, adaptando o manexo ás necesidades de cada fase.
De acordo coa documentación avaliada o manexo da explotación inclúe o pastoreo, complementado coa recollida de herba e ensilado nas parcelas. A alimentación dos animais adultos baséase principalmente en penso, silo e palla. A subministración de auga potable procede da traída municipal cun consumo que se estima en 90 l/cabeza/día.