A Xunta fomenta o consumo en preto dun milleiro de negocios lucenses coa nova edición dos bonos Activa Comercio

O delegado territorial, Javier Arias, destaca o éxito desta iniciativa, que só durante a primeira xornada mobilizou na provincia vendas por valor de 769.000 euros

Lugo, 6 de novembro de 2025

A Xunta incentiva as vendas no comercio local da provincia de Lugo coa posta en marcha da segunda edición dos bonos Activa Comercio en 2025, que se poden descargar desde onte mércores.

O número de establecementos lucenses adheridos rolda o milleiro, dos que máis de 300 están na capital. O delegado territorial, Javier Arias, visitou esta mañá algún deses negocios: o salón de peiteado Xenes e Bebé Ratón, en Lugo, así como Kody, Cocolatte e Óscar Joyeros, en Viveiro. Durante as visitas, destacou a gran acollida que está a rexistrar a campaña e explicou que, só durante a primeira xornada, trocáronse na provincia máis de 170.000 euros en descontos, cunha mobilización total de vendas de arredor de 769.000 euros.

Na xornada do seu lanzamento, en toda Galicia descargáronse arredor de 162.000 bonos e mobilizáronse vendas por valor superior aos 5,7 millóns de euros nos preto de 7.300 negocios adheridos.

Arias lembrou que se trata da segunda convocatoria dos bonos Activa Comercio deste ano, á que o Goberno galego destina 2,5 millóns de euros coa previsión de mobilizar 8,5 millóns en vendas nos establecementos de proximidade de toda a comunidade. O obxectivo é incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.

Lembrou ademais que, como novidade, os locais non teñen que adherirse de novo para participar na iniciativa senón que segue vixente a adhesión da primeira edición para gañar en axilidade. En todo caso, se algún comercio desexa sumarse ten de prazo ata o 15 de decembro ou ata que remate o crédito dispoñible.

Funcionamento dos Bonos

Cada bono ofrece un desconto de 30 euros que pode empregarse directamente na adquisición de produtos ou servizos nos comercios adheridos. As persoas consumidoras interesadas poden descargalos desde a web www.bonosactivacomercio.gal e canxealos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR. O importe irase reducindo en función do valor da compra.

En canto á contía da rebaixa, será de 5 euros para as compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30; e de 10 euros para as adquisicións iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en ocasións anteriores, cada persoa pode descargar un único bono e non se limita de usuarios, se ben os bonos descargados non se poderán utilizar unha vez se esgote o crédito total de 2,5 millóns de euros, aínda que non se teñan consumido na súa totalidade.

O delegado territorial subliñou a importancia deste tipo de iniciativas que “teñen demostrado ser un éxito absoluto e que axudan aos comerciantes a manterse competitivos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2025