Máis de 2,4 M€ mobilizados na provincia de Pontevedra na primeira xornada do Bono Activa Comercio
O delegado territorial visitou un establecemento adherido no concello de Vilagarcía de Arousa e corroborou a satisfacción dos comerciantes coa iniciativa
Os bonos Activa Comercio contan cun orzamento total de 2,5 millóns de euros para mobilizar un mínimo de 8,5 millóns en vendas
Reguera lembrou a importancia de apoiar o pequeno comercio e favorecer a súa competitividade
Vilagarcía de Arousa, 6 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o establecemento Arrullos del Agua, en Vilagarcía de Arousa, para interesarse sobre a acollida que están a ter os bonos Activa Comercio un día despois do seu lanzamento.
Así, Reguera conversou coa responsable deste establecemento que durante todo o día de onte recibiu un goteo constante de clientes que buscaban canxear o seu bono.
A data de onte ás 20.00 horas, menos de 24 horas despois da súa activación, a segunda edición dos bonos Activa Comercio deste 2025 levaba xa arredor de 162.000 bonos descargados en toda Galicia. Ademais, nos máis de 7.300 negocios adheridos ata o momento levábanse trocado arredor de 1,3 millóns de euros en descontos, cunha mobilización total de vendas que superaba os 5,7 millóns de euros.
No caso da provincia de Pontevedra hai preto de 2.600 comercios participantes, nos que a finais da tarde de onte, levábanse trocado arredor de 546.000 euros en descontos, cunha mobilización total de vendas duns 2,4 millóns de euros. O concello de Vilagarcía de Arousa conta con máis de 150 establecementos adheridos dos máis de 380 que participan na comarca do Salnés.
Cabe destacar que os Bonos Activa Comercio pódense utilizar dende onte en calquera dos establecementos adheridos. A lista de negocios vencellados así como toda a información e a explicación paso a paso para descargar os bonos pódese atopar na web www.bonosactivacomercio.gal.
Esta iniciativa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cos que a Xunta espera xerar un mínimo de 8,5 millóns en vendas, axudar ás familias e promover o comercio de proximidade. Trátase de contribuír á dinamización do sector, mediante a fidelización e atracción de clientes.
Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros correspóndelle un desconto de 5 euros. Ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
O delegado territorial destacou a importancia deste tipo de iniciativas que “teñen demostrado ser un éxito absoluto e que axudan aos pequenos comerciantes a manterse competitivos”.