O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración e a conselleira do Mar participaron esta tarde en Santiago de Compostela no acto de entrega destes galardóns
A Xunta destaca a 2ª edición dos Premios Benfeito de Consumo por consolidar as boas prácticas, innovación e compromiso das empresas coas persoas consumidoras
José González puxo en valor o certame da Unión de Consumidores de Galicia, á vez que considerou que todo negocio debe garantir non só o acceso aos seus produtos ou servizos, senón tamén a atención antes, durante e despois da experiencia de consumo
Nese senso, felicitou as empresas premiadas, así como as que recibiron as mencións especiais, agardando que outras sigan o seu exemplo a prol das persoas consumidoras
Poñendo de relevo a colaboración con Ucgal e con outras entidades na defensa e promoción dos dereitos das persoas consumidoras, o conselleiro referiuse a outras iniciativas autonómicas como o proxecto piloto de reclamación dixital por código QR
Pola súa banda, a conselleira do Mar recordou o éxito do Bono Peixe na promoción do consumo dos produtos pesqueiros que mobilizou 11 millóns de euros en vendas
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, participaron esta tarde no acto de entrega da 2ª edición dos Premios Benfeito de Consumo, organizados pola Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal). Alí, —en presenza do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e da xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, entre outras autoridades— ambos felicitaron as empresas premiadas, así como as que recibiron as mencións especiais, agardando que outras sigan o seu exemplo de boas prácticas, innovación e compromiso coas persoas consumidoras.
Na súa intervención, o titular de Emprego —que foi o encargado de entregar o premio á mellor empresa de non alimentación— considerou que todo negocio debe poñer no centro as persoas a quen se dirixe, non só para garantir que teñan acceso aos seus produtos ou servizos, senón tamén para proporcionarlles unha atención plena tanto antes, como durante e despois da experiencia de consumo. Nese senso, agradeceu as máis de dúas décadas de traxectoria da Unión de Consumidores de Galicia a prol das persoas consumidoras, con especial foco en sectores como o comercio, a sanidade, a educación, os servizos públicos ou o medio ambiente.
Poñendo de relevo a colaboración da Xunta con Ucgal e outras entidades, José González aproveitou para resaltar outras iniciativas desenvolvidas ao abeiro do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que está a celebrar o seu 30º aniversario e contará —dixo— con máis de 7,5 M€ nos orzamentos de 2026. Entre elas, salientou o proxecto piloto de reclamación dixital en materia de consumo a través de código QR, pioneiro a nivel estatal para axilizar o proceso de reclamación en beneficio tanto dos negocios que se están adherindo como da cidadanía. Unha acción enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que tamén inclúe outras iniciativas como os bonos de desconto Activa Comercio para dinamizar as vendas de proximidade, cuxa segunda edición de 2025 está en marcha.
Así mesmo, o conselleiro referiuse ás ordes de axudas para fomentar actividades de sensibilización, formación e divulgación arredor de cuestións como a subministración de enerxía, o comercio electrónico seguro, a intelixencia artificial, a vivenda ou os servizos financeiros; ás bolsas formativas para contribuír á formación práctica en materia de consumo de titulados superiores con licenciatura ou grao universitario ou ás charlas e certames nos centros educativos para acadar futuros consumidores informados, conscientes e responsables.
Recordando a plena dispoñibilidade do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, tanto nas súas oficinas das sete principais cidades galegas, como vía web e cun teléfono gratuíto (900 23 11 23), o titular de Emprego tamén aludiu ao labor da Escola Galega de Consumo, que forma cada ano máis de 20.000 persoas de todas as idades, con preto de 700 actuacións formativas, así como o Laboratorio de Consumo de Galicia, referente no ámbito do control de mercado.
Promoción do consumo
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou o compromiso da Xunta na promoción do consumo de peixe e marisco entre a cidadanía, que se materializou este ano co lanzamento do Bono Peixe. Unha medida pioneira, na que participaron 750 establecementos na comunidade, entre peixarías tradicionais e grandes superficies “cumprindo os obxectivos que nos marcamos: dinamizar as economías locais, paliar temporalmente a perda de capacidade adquisitiva das familias, e atraer nova clientela ao comercio de proximidade” enumerou a responsable autonómica. Así o demostraron as cifras, con 230.000 bonos descargados e un impacto de 11 millóns de euros en vendas.