Medio Rural promove a calidade e a diversidade da gastronomía galega na feira Gastronómika de San Sebastián
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria asistiu hoxe ao encontro, onde a participación galega inclúe catas e degustacións de produtos agroalimentarios amparados por selos de calidade diferenciada
San Sebastián, 7 de outubro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á feira San Sebastián Gastronómika, que conta coa presenza de produtos agroalimentarios galegos do rural, amparados por selos de calidade diferenciada, e do mar. Este evento, celebrado na cidade vasca de San Sebastián e que pecha hoxe a súa edición de 2026, permitiu amosar a diversidade e a calidade dos produtos agroalimentarios do rural galego, así como o seu potencial gastronómico.
O encontro reúne chefs de renome internacionais, críticos gastronómicos e profesionais da hostelería para compartir tendencias, técnicas e reflexións sobre a cociña. Neste senso, o rural galego contou con representación a través da participación das empresas Sacra Pan, Grupo Cuevas, Cienporcel, Lugar da Veiga, Orujos y Licores Augavella, Bodegas Ribada, SAT Egapor e Adega Terras Mancas.
Ao longo das tres xornadas do evento, estas empresas achegaron diferentes propostas de catas e degustacións de produtos, con presenza dos selos de calidade diferenciada IXP Castaña de Galicia, IXP Augardente e Licores Tradicionais de Galicia, Artesanía Alimentaria, DO Ribeira Sacra, DO Rías Baixas, IXP Val do Miño-Ourense e Agricultura Ecolóxica.
No día de hoxe, os asistentes puideron desfrutar dunha degustación de Mexillón de Galicia harmonizada con viño da DO Rías Baixas, así como dunha degustación de alimentos galegos de calidade diferenciada, que serviu tamén para dar visibilidade a Aquí Sabemos, a nova marca coa que a Xunta de Galicia promove e identifica estas producións.
Baixo Aquí Sabemos, intégrase a promoción dos produtos amparados polas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, a produción ecolóxica e a Artesanía Alimentaria de Galicia, reforzando a súa identificación coa calidade, a orixe, o territorio e o saber facer