A Xunta destaca en Lugo a formación no marco da colaboración coa Federación galega de comercio sobre o novo sistema de facturación Verifactu

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe á xornada informativa organizada pola federación e Abanca e apoiada polo Goberno galego

Enmarcou o convenio a través do que se impulsa esta acción nas colaboracións imprescindibles para modernizar o sector que seguirá promovendo a Xunta ao abeiro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030

Lugo, 6 de novembro de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe en Lugo á xornada informativa sobre o novo sistema de facturación verificable Verifactu organizada pola Federación Galega de Comercio e Abanca e apoiada pola Xunta. Concretamente no marco do convenio coa devandita federación que busca avanzar na promoción comercial, asesoramento e formación e no impulso da dixitalización.  

O director xeral puxo en valor esta primeira xornada de formación e divulgación sobre o novo sistema de facturación que busca asegurar a transparencia e combater a fraude fiscal. Sinalou que este tipo de accións contribúen a acadar un comercio adaptado ás novas realidades e tecnoloxías, ao tempo que se reforzan as colaboracións entre os distintos axentes para sumar sinerxías en beneficio do sector, todo no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Nese senso, Gabriel Alén reafirmou o compromiso da Xunta co pequeno comercio de cara a que incremente as súas vendas e consiga responder ás necesidades da clientela, entre outras cuestións, mellorando a imaxe e os equipamentos dos establecementos para consolidar un comercio de proximidade moderno, competitivo e atractivo.  

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2025