O conselleiro de Sanidade participou esta tarde en Salamanca no Simposio da Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica, no que tamén interveu o seu homólogo castelán-leonés, Alejandro Vázquez
Gómez Caamaño subliña que Galicia será a primeira comunidade en contar cun centro de protonterapia de carácter público
A previsión é que o sistema sanitario público galego atenda os primeiros pacientes no Centro de Protonterapia no último trimestre do vindeiro ano
O titular de Sanidade destaca a adquisición de aceleradores lineais para os hospitais públicos de Pontevedra e de Ourense
Avoga pola innovación e a investigación para garantir a equidade no acceso ás novas terapias oncolóxicas
Salamanca, 6 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou esta tarde que o sistema sanitario público galego será o primeiro de España en contar cun centro de protonterapia de titularidade pública.
Así o dixo durante o Simposio da Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica 2025, que se celebra hoxe e mañá na cidade de Salamanca e no que especialistas do ámbito da oncoloxía comparten os últimos avances e novidades xurdidas ao redor da radioterapia.
Gómez Caamaño, que compartiu unha mesa de debate co conselleiro de Sanidade de Castela e León, Alejandro Vázquez Ramos, destacou que a Xunta está a impulsar a oncoloxía radioterápica no sistema sanitario público galego, coa dotación de novos aceleradores lineais para os Hospitais Públicos de Pontevedra e Ourense e puxo en valor a futura posta en marcha, no último trimestre de 2026, do Centro de Protonterapia de Galicia, que permitirá tratamentos máis precisos e menos invasivos.
Esta actuación enmárcase nun acordo coa Fundación Amancio Ortega para a implantación da protonterapia en España e supón un investimento total de máis de 45 millóns de euros. A achega autonómica é de máis de 20 millóns de euros e conta con financiamento de fondos europeos.
“En Galicia a oncoloxía radioterápica conta cunha carteira de servizos que inclúe radioterapia externa (con técnicas avanzadas), braquiterapia e tratamentos estereotáxicos en centros de referencia“, referiu.
Xunto co equipamento e as infraestruturas, Gómez Caamaño destacou a calidade do conxunto de profesionais que integran os servizos de oncoloxía do Servizo Galego de Saúde e tamén incidiu na necesidade de apostar pola innovación e a investigación para avanzar na detección precoz e o tratamento dos diferentes cancros.
Nesta liña, precisou que as administracións deben seguir a traballar para achegar as novas terapias oncolóxicas ao conxunto da sociedade, facilitando o acceso e a equidade na prestación dos servizos sanitarios.