A Xunta adxudica por máis de 520.000 € o equipamento de distribución de comidas a pacientes do Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra

A previsión é atender 900 pacientes diarios e dar servizo á nova infraestrutura e ao actual hospital de Montecelo

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025

O Servizo Galego de Saúde adxudicou por 520.101,90 euros o equipamento de distribución de comidas a pacientes do Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra.

En concreto, a empresa Tecnologías Socamel 3000, S.L. será a encargada do equipamento para a distribución das comidas, que inclúe os carros e bases necesarios para a distribución, así como os sistemas de retermalización e posta en temperatura axeitada.

Esta adxudicación correspóndese co lote 2 do contrato de subministro e instalación do equipamento integral da cociña do Hospital Público Novo Montecelo, que inclúe un primeiro lote para a dotación de equipamento para a elaboración de comidas, neste caso, pendente de adxudicación.

O novo equipamento dará servizo á nova infraestrutura e ao actual hospital de Montecelo e atenderá aproximadamente 900 pacientes cada día.

A cociña contará con distintas zonas de elaboración de comidas, tratamento de tubérculos, condimentación, cociña de dietas, zona de empratado ou recepción de mercadorías, sempre baixo o principio de seguridade alimentaria.

Data de actualización: 07/11/2025