A Xunta axuda a mellorar as infraestruturas de 40 establecementos turísticos do Salnés

O delegado territorial visitou o hotel La Lanzada, que recibiu unha achega de 50.000 euros para renovar o seu mobiliario e modernizar os seus sistemas de cobro e de control de persoal

A Xunta destina 4,5 millóns de euros en toda Galicia para esta liña de axudas

Sanxenxo (Pontevedra), 7 de novembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións do hotel La Lanzada, en Sanxenxo, que foi un dos beneficiados polas axudas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración.

En concreto o hotel La Lanzada recibiu unha achega de preto de 50.000 euros que lles permitiu cofinanciar a mellora do sistema contraincendios do edificio, así como a substitución da iluminación nunha das plantas e a adaptación dun baño para persoas con mobilidade reducida. Ademais, renovouse o mobiliario do comedor e modernizouse o sistema de cobro e de control de entrada dos traballadores.

O delegado territorial aproveitou a visita para sinalar a importancia de manter un sector turístico saudable e de excelencia, unha excelencia que, asegurou, “ten sido a clave do enorme éxito turístico que está a ter Galicia nos últimos anos e que, de seguro, seguirá sendo unha fonte de prosperidade para todos os galegos e galegas”.

Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a preto de 100 establecementos de aloxamento e restauración da provincia de Pontevedra, dos cales 40 están afincados na comarca do Salnés. Esta liña de axudas conta cun orzamento para toda Galicia de 4,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2025