O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a xerente da área sanitaria, Fernanda López Crecente, supervisou as actuacións realizadas

A Xunta conclúe a renovación dos falsos teitos do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol tras un investimento de máis de 247.000 euros

Renováronse estas estruturas nos andares 3º, 4º, 5º, 6º e 7º da ala sur do hospital 

Os traballos, que comezaron en agosto, remataron o pasado mes de outubro

O conselleiro agradeceu a colaboración de todo o persoal que facilitou que as obras se realizasen con axilidade sen interferir na asistencia

Esta intervención engádese ás obras do Plan director, cuxa primeira fase rematará o vindeiro ano e terá continuidade coa segunda e derradeira fase 2

Os Orzamentos da Xunta para 2026 consigan 365 M€ para a área sanitaria de Ferrol, o que representa un incremento do 5,31 % respecto do presente ano

O Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol contará o vindeiro ano cun investimento de 20,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2025

A Xunta concluíu a renovación dos falsos teitos do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, tras realizar un investimento autonómico de máis de 247.000 euros para acometer a súa mellora. 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a xerente da área sanitaria, Fernanda López Crecente, supervisou as actuacións levadas a cabo nos falsos teitos tras o derrubamento provocado pola rotura dunha tubaxe de auga o pasado mes de agosto. 

A Xunta acordou a declaración de urxencia para proceder de xeito inmediato á renovación dos teitos dos andares 3º, 4º, 5º, 6º e 7º da ala sur do hospital ferrolá.

Así, durante os últimos tres meses procedeuse á renovación dos perfís metálicos e das placas que conforman estas estruturas. Os traballos iniciáronse o 11 de agosto e remataron o pasado mes de outubro. 

O conselleiro de Sanidade agradeceu a implicación de todo o persoal que fixo posible realizar as obras coa máxima axilidade sen interferir na asistencia sanitaria.

Esta intervención engádese a conxunto de melloras que a Xunta está a desenvolver no marco do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), cuxa fase 1 rematará o vindeiro ano.

O proxecto permitirá incrementar nun 22 % o número de camas do complexo hospitalario; os bloques cirúrxicos do hospital Naval e o Marcide; e unhas novas consultas externas.

Os Orzamentos da Xunta para 2026 consignan 365 millóns de euros para a área sanitaria de Ferrol, o que representa un incremento do 5,31 % respecto do presente ano. Para as obras en curso da fase 1 do Plan director e o proxecto da fase final resérvase un investimento de 20,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2025