Manuel Pardo supervisa o comezo das obras para a substitución da cuberta do Colexio de Sandiás ás que a Xunta destina máis de 212.000 €
O delegado explicou que as actuacións consisten na substitución da cuberta inclinada actual de tella cerámica por outra nova do mesmo material co fin de mellorar a eficiencia enerxética deste colexio
Manuel Pardo enmarcou esta intervención ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta, programa que busca a mellora integral dos centros educativos galegos
Na súa estadía no centro, o representante do Goberno galego puxo en valor que a Xunta está a investir máis de 60M€ en 731 actuacións na provincia de Ourense
Ourense, 30 de xullo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde, Felipe Traveso, visitou esta mañá o Colexio de Sandiás, para supervisar o comezo das obras para a substitución da cuberta deste centro educativo, nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destina máis de 212.000 euros.
O delegado explicou que as actuacións consisten na substitución da cuberta inclinada actual de tella cerámica por outra nova do mesmo material. Deste xeito, procederase á demolición da infraestrutura actual e desmontarase tamén a base de fibrocemento con amianto.
Nesta liña, indicou que unha vez demolida a cuberta colocaranse sobre a cara superior do forxado baixo cuberta un illamento de 10 centímetros de polistireno. Posteriormente procederase á cubrición da mesma e complementariamente substituiranse os canlóns e as baixantes por outros de chapa de aceiro galvanizado.
O representante do Goberno galego enmarcou esta intervención ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta, programa que busca a mellora integral dos centros educativos galegos mediante actuacións orientadas á integración dos edificios no espazo urbano, á mellora dos seus exteriores, á creación de espazos de socialización, á optimización da distribución interior e á aposta pola eficiencia enerxética.
Na súa estadía no centro, Manuel Pardo puxo en valor que o Goberno galego está a investir máis de 60M€ en 731 actuacións na provincia de Ourense. Delas, 39 son grandes obras en distintas fases (rematadas, en execución e licitadas) por un importe de case 30M€; outras sete (205.000 €) son instalacións fotovoltaicas e 677 son pequenas obras do verán, por importe de 14,5 M€. Ademais, hai oito intervencións xa comprometidas cun orzamento de máis de 15 M€; entre elas destaca o inicio da construción do que será o primeiro instituto do Pereiro de Aguiar, o Padre Feijóo, que conta cun investimento estimado de 9,5M€.
Tamén salientou que entre as obras de maior investimento destacan as ampliacións dos institutos IES Xesús Ferro Couselo (Ourense, 2,7 M€) e Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño, 2,9 M€), do CEIP Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar, 2 M€) e do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1 M€) e IES As Lagoas (Ourense, 1,1 M€), así como a renovación das carpintarías do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (1,1 M€).