A Xunta dá a coñecer os finalistas dos Premios do Comercio Galego 2025 que buscan recoñecer e poñer en valor os profesionais do sector
Na gala que terá lugar o próximo mércores 12 de novembro en Santiago, a iniciativa compostelá Creativas Galegas, a canguesa Alba Lazarí e a arteixá Ceibes Barefoot Shoes optan ao Premio Comercio Galego, dotado con 5.000 euros
Mentres, a valdeorresa Miranda Moda e as luguesas Panadería Pallares e Confecciones García poden facerse co Premio Comercio Traxectoria (3.000 euros)
Ao Premio Comercio Emprende (3.000 euros) concorren a viguesa A Casa Rodante, Amoras —con establecementos no Carballiño e Maside— e a amesá Tecidos Tolemia
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2025
A Xunta dá a coñecer os proxectos finalistas dos Premios do Comercio Galego 2025, que se entregarán o próximo mércores 12 de novembro en Santiago de Compostela co gallo de recoñecer os profesionais do sector e avanzar na súa competitividade no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Enmárcanse en cinco categorías: Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria 2025, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende 2025, distinguido con outros 3.000 euros; Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros; e Premio Comercio Sostible 2025, con 3.000 euros.
No caso do Premio Comercio Galego, recoñécese o establecemento que exemplifique os valores do sector comercial de proximidade mediante a implantación dun modelo de negocio moderno, competitivo e adaptado aos novos retos. Nesta categoría, resultaron finalistas Creativas Galegas (Mercado Galego da Creatividade), tres emprendedoras do deseño, a arte e a artesanía que crearon en Santiago un espazo que impulsa e visibiliza máis de 300 profesionais. Tamén Alba Lazarí, tenda situada en Cangas dedicada aos deseños téxtiles “de autor” relacionados coa moda, coa decoración e cos accesorios; e Ceibe Barefoot Shoes, centrada no calzado respectuoso e que vende tanto na súa tenda física de Arteixo como vía web.
O Premio Comercio Traxectoria pon en valor iniciativas cunha traxectoria comercial consolidada que pola súa permanencia e continuidade crean un vínculo especial coas súas respectivas contornas. Neste caso, concorren Miranda Moda, en funcionamento no Barco de Valdeorras desde 1953, coa terceira xeración ao cargo, que vende primeiras marcas tanto de xeito físico como telemático e pon a disposición de artistas locais os seus escaparates. Tamén a luguesa Panadería Pallares, fundada en 1976, coa quinta xeración familiar ao cargo e destacada por crear un museo etnográfico do pan, ademais de polos seus produtos á venda, así como a tamén lucense Confecciones García, en marcha desde 1955 e coa terceira xeración —neste caso— á fronte, que combina a súa estética tradicional coa orixinalidade dos seus escaparantes ou a venda online.
En relación co Premio Comercio Emprende, recoñécese o establecemento impulsado por xente nova que ofreza á clientela unha experiencia de compra diferenciada. Nese senso, pode facerse co galardón A Casa Rodante, con tenda física —en Vigo— e en liña impulsada pola Asociación de Familiares de Persoas con Parálise Cerebral, na que se reúne o traballo artesán e sostible realizado nos obradoiros ocupacionais da asociación, promovendo así o carácter emprendedor das persoas con discapacidadeo. Tamén o proxecto Amoras, que tras coller o testemuño dunha froitaría ten tres tendas abertas no Carballiño e Maside ademais de venda online, con proxectos orixinais como un fruit track ou arranxos de froitas para eventos; ademais do proxecto amesán Tecidos Tolemia, tenda e taller de costura que traballa con tecidos únicos —moitos procedentes de restos de colección de grandes firmas— e que dispón dun espazo de formación e dun club de costura.
Canto ao Premio Comercio Dinamización, ponse en valor a implantación do mellor proxecto ou iniciativa de dinamización comercial nos últimos tres anos (2023-2025) co obxectivo de incrementar as vendas e clientela potencial. Así, poden recibir o galardón a Asociación Boirense de Empresas, pola iniciativa Boiro, compras co corazón, co emprego dos vales corazón como moeda de cambio para participar en actividades como concertos, degustacións de produto local ou sorteos. Tamén a agrupación Viveiro Centro Comercial Histórico, pola súa campaña Escolle o teu empregado do mes, que busca a motivación e o recoñecemento ás persoas traballadoras, pola súa atención e bo facer; e a Asociación de Comerciantes Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, pola campaña O noso comercio é vida, vive Ribadeo, desenvolvida en agosto coa implicación do 100% dos comercios asociados para garantir a remuda da xeracional da clientela con implicación da infancia e mocidade en actividades específicas como accións multiaventura, musicais ou colaboracións con clubs deportivos.
Por último, os finalistas do Premio Comercio Sostible son Arroupa, empresa impulsada por Cáritas que transforma roupa usada en oportunidades reais de emprego e inclusión e que conta con tendas en Santiago, Pontevedra, A Coruña, Carballo e Vilagarcía de Arousa. Tamén a artesá Rir & Co, cun estudio téxtil e tenda física en Allariz que aposta por productores con certificado de sustentabilidade e materiais especialmente xerados no medio rural, coma a la merina da transhumancia ou as fibras de proteína do leite; ademais da pontevedresa AmoGalicia, establecemento que traballa con 95 creadoras e creadores galegos, limitando ao máximo o consumo de plástico e apostando fundamentalmente por artesáns que traballan coa recuperación de elementos como a madeira, o vidro ou as redes de pesca.
Cómpre engadir que os Premios do Comercio Galego se enmarcan na aposta da Xunta por un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio.