A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asistiu ao I Encontro Ibérico de Educación pola Arquitectura promovido polo Colexio de Arquitectos de Galicia
A Xunta pon en valor o ‘Proxecto Terra’, que cumpre 25 anos educando e xerando espírito crítico nos cativos a partir do ensino da paisaxe e da arquitectura
Allegue agradeceu aos docentes o traballo para “transmitir os valores de respeto polo vello e polo belo, reivindicando a beleza de Galicia e a relación dos ancestros coa terra”
Lembrou que a Xunta vén colaborando dende 2019 no ‘Proxecto Terra’ a través de actividades que abordan nos colexios a ordenación do territorio, o impacto da actividade das persoas sobre os lugares ou as normas que garanten espazos axeitados onde vivir
Sinalou que a Xunta está a redobrar esforzos en construír vivendas, rehabilitar e desenvolver solo, “todo isto con orde, criterio e rigor"
Vigo, 7 de novembro de 2025
A Xunta pon en valor o Proxecto Terra, que cumpre 25 anos educando e xerando espírito crítico nos cativos a partir do ensino da paisaxe e da arquitectura.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asistiu hoxe ao I Encontro Ibérico de Educación pola Arquitectura promovido polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), co que se conmemora o 25 aniversario do Proxecto Terra.
Allegue agradeceu aos docentes o seu traballo para “transmitir os valores de respeto polo vello e polo belo, reivindicando non só a beleza de Galicia, senón a relación dos nosos ancestros coa nosa terra”.
Lembrou que a Xunta comezou a participar nesta iniciativa no 2019 e vén colaborando en actividades complementarias nos colexios. Así, mediante programas didácticos abórdase a ordenación do territorio, o impacto da actividade das persoas sobre os lugares ou as normas que garanten espazos axeitados onde vivir.
No marco deste proxecto, hoxe bota a andar un encontro con expertos en estratexias de formación e proxectos educativos, procedentes de varios lugares de España e Portugal. A conselleira destacou a importancia de foros como este, que “achegará claves para acadar a simbiose perfecta entre o desenvolmento urbanístico e o respecto as nosas raíces, deseñando as vilas e cidades do futuro”.
María M. Allegue fixo fincapé en que o departamento que dirixe ten como piares o urbanismo, as infraestruturas e a vivenda. Puntualizou que nun contexto complicado de acceso á vivenda, a Xunta está a redobrar esforzos en construír, rehabilitar e desenvolver solo, pero todo con orde, criterio e rigor.
Salientou que non só se debe poñer o acento “na construción en sí, senón que cómpre facer unha reflexión sobre cómo queremos vivir”. Neste sentido, remarcou a relevancia de “recuperar o contacto de barrio, de conversa en espazos comúns, con máis zonas verdes, de lecer, con máis luz e maior accesibilidade” e impulsar “vivendas eficientes e sostibles” ou “actuacións de posta en valor do patrimonio natural e histórico”.
Coida do territorio, coida to teu
Por outra parte, a directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Victoria Núñez, tamén participou hoxe neste foro coa conferencia Coida do territorio, coida do teu. Da APLU ás aulas.
Explicou que este lema se corresponde cunha actividade lúdica deseñada polo personal da APLU e que se está a impartir nos colexios galegos. Detallou que neste curso van participar os alumnos de 30 centros, que se sumarán aos máis de 6.600 que formaron parte deste ‘Proxecto Terra’ dende que se activou.
Apuntou que esta iniciativa ten como obxectivo achegar aos rapaces á realidade territorial, afondando en conceptos como a paisaxe, o patrimonio construído, as infraestruturas ou o planeamento urbanístico.
Destacou que a Xunta, a través destas medidas, traballa a prol dunha Galicia máis sostible e consciente na que todos, desde os máis cativos, se responsabilicen de coidar o territorio.