A Xunta colabora co Club Fluvial de Lugo na organización da IX Carreira Popular de Montaña, que se celebrará o vindeiro domingo
Lugo, 10 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta mañá na presentación da novena edición da Carreira Popular de Montaña, organizada polo Club Fluvial e que conta coa colaboración da Administración autonómica.
A proba celebrarase o vindeiro domingo 16 de novembro, a partir das 11,00 horas, nas inmediacións do club e constará de dous percorridos: un de 15,3 quilómetros e outro de 10,3 quilómetros. No momento de facer a inscrición, os deportistas poderán escoller entre a carreira longa ou a curta. Ata o momento apuntáronse arredor de 150 participantes e o prazo para inscribirse segue aberto ata o xoves, día 13.
Unha vez finalizada a competición farase a entrega de premios nas instalacións do Club Fluvial. Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados na xeral da distancia longa, e entregaranse tamén medallas aos tres primeiros clasificados en cada categoría. Todos os participantes recibirán ademais unha camiseta conmemorativa da carreira.
O delegado territorial destacou a “gran aceptación” que teñen en Lugo este tipo de probas, “que ademais de promover a práctica do atletismo, poñen en valor a espectacular contorna natural que temos na cidade”. Arias gabou tamén “o esforzo e a implicación do Club Fluvial, que ano tras ano consegue consolidar esta cita deportiva como unha das máis atractivas do calendario provincial, reunindo a numerosos corredores e afeccionados e fomentando hábitos de vida saudables entre a cidadanía”.