A Xunta reunirá este mes na Ribeira Sacra a máis de 60 expertos e 30 empresas tractoras no foro Ultreia sobre emprendemento ligado ao territorio

O encontro consistirá en dúas xornadas, unha o 27 de novembro, na que participantes de distintas rexións europeas realizarán experiencias inmersivas no territorio e o día 28 será o congreso no Monasterio de Santo Estevo de Ribas de Sil

Esta cita enmárcase no recoñecemento á comunidade galega como Rexión Emprendedora Europea 2025 e incluirá máis de 20 mesas e ponencias distribuídas en tres salas temáticas —Innovación, Emprendemento e Galicia Rexión Emprendedora—

Estes contidos xirarán arredor de tres eixos estratéxicos clave que reflicten a identidade e o potencial transformador de Galicia e que son o sector primario (agro e mar), o dos recursos naturais e o comercio-turismo

As persoas interesadas neste foro poderán obter máis detalles na páxina web desta iniciativa ultreiagalicia.com, na que tamén se poderán inscribir de xeito gratuíto

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2025

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración reunirá na Ribeira Sacra os vindeiros 27 e 28 de novembro a 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e 150 participantes do ecosistema emprendedor no encontro de emprendemento Ultreia Galicia, emprendemento ligado ao territorio. Trátase dunha cita que se enmarca no recoñecemento á comunidade galega como Rexión Emprendedora Europea 2025, xunto con Mazovia (Polonia) e Krapina Zagorje (Croacia) e que precisamente conectará iniciativas galegas con outras europeas poñendo en valor a capacidade da comunidade para innovar desde o local.

Neste sentido, o programa das dúas xornadas deste foro combinará experiencias inmersivas, debates, mesas redondas e presentacións relacionadas co emprendemento arredor de tres eixos estratéxicos clave que reflicten a identidade e o potencial transformador de Galicia e que son o sector primario (agro e mar), o dos recursos naturais e o comercio-turismo.

En concreto, o 27 de novembro, un grupo de participantes de distintas rexións europeas formará parte de experiencias inmersivas no territorio e que conectan emprendemento, patrimonio e cultura galega. O 28 de novembro será a xornada do congreso no Monasterio de Santo Estevo de Ribas de Sil -no concello ourensán de Nogueira de Ramuín-, aberta a todo o público e distribuída en tres espazos, que son o de innovación, o de emprendemento e o de Galicia Rexión Emprendedora, que albergarán máis de 20 mesas e ponencias con expertos, institucións, empresas líderes e proxectos inspiradores.

Os tres espazos do congreso

O eixe institucional do evento é o de Galicia Rexión Emprendedora e nel, entre outras cuestións, terá lugar a conmemoración dos 20 anos do observatorio internacional GEM (Global Entrepreneurship Monitor) en Galicia coa presentación do Informe Especial GEM Galicia 2024-2025, un percorrido pola evolución e as chaves do emprendemento galego. Tamén acollerá unha mesa redonda sobre emprendemento xuvenil e un concurso da Rede de polos no que se premiará o mellor proxecto dos 15 polos de emprendemento. Ademais, haberá outra mesa redonda que consistirá no intercambio de experiencias entre as Rexións Emprendedoras Europeas 2025: Galicia, Krapina-Zagorje e Mazovia.

O apartado de emprendemento será un espazo de emprendedores, empresas, inversores e entidades comprometidas co desenvolvemento sostible do territorio. Abarcará mesas de debate centradas nos tres sectores estratéxicos de emprendemento ligado ao territorio e nelas analizaranse ferramentas existentes en Galicia para impulsar o emprendemento, a colaboración empresarial como motor de desenvolvemento e as oportunidades de financiamento para empresas emerxentes. Pola súa banda, a sala de innovación, centrada na inspiración e proxección internacional, albergará casos de éxito e historias de innovación de empresas. Ademais, debaterase sobre o papel das empresas tractoras arraigadas no territorio e que medran desde el.

Foro para reforzar o ecosistema emprendedor

O Goberno galego busca consolidar Ultreia Galicia como foro de referencia nacional e internacional en emprendemento sostible, así como reforzar o ecosistema emprendedor galego, xerar oportunidades de investimento e abrir novas vías de colaboración entre institucións, polos de emprendemento, entidades, empresas tractoras, inversores e empresas de recente creación. As persoas interesadas neste evento poderán obter máis detalles na páxina web desta iniciativa www.ultreiagalicia.com, na que tamén se poderán inscribir de xeito gratuíto.

Data de actualización: 10/11/2025