A Xunta entrega os premios da décima edición da campaña ‘Merca no teu comercio’ en Lugo
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que foi unha das medidas de dinamización comercial impulsadas polo Goberno galego no último mes, xunto co Bono Comercio
Lugo, 10 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe na entrega de premios da décima campaña do programa Merca no teu comercio na provincia de Lugo, que se desenvolveu no municipio da capital entre os días 15 e 30 de outubro. A iniciativa está impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración coa Federación Galega de Comercio, representada no acto polo seu presidente, José María Seijas.
Na cita, celebrada na Delegación Territorial, distribuíronse 1.000 euros entre os 20 gañadores, en tarxetas prepago por valor de 50 euros que poderán empregar nos establecementos locais adheridos ata o vindeiro 31 de decembro. Os premiados foron seleccionados mediante sorteo entre as persoas que rexistraron a súa compra na web da campaña.
Merca no teu comercio é unha medida de promoción e dinamización das vendas do comercio de proximidade dos municipios rurais, na que colaboran as asociacións de comerciantes locais. Este ano recalou en 22 vilas da provincia: comezou o 15 de xuño en Monterroso, Palas de Rei e Taboada e rematou en outubro en Castro de Rei, Cospeito e Lugo.
Éxito dos Bonos Activa Comercio
Arias lembrou que na primeira semana de novembro tamén se puxo en marcha a segunda edición deste ano dos Bonos Activa Comercio e destacou a “excelente acollida” que tivo a iniciativa “tanto pola parte dos comerciantes como dos clientes”, o que fixo que en pouco máis de 48 horas se esgotase o crédito de 2,5 millóns de euros dispoñible.
Na provincia lucense adheríronse á campaña preto dun milleiro de comercios, nos que se trocaron máis de 327.000 euros en descontos, logrando unha mobilización total de vendas de preto de 1,5 millóns de euros.
O delegado explicou que a campaña Merca no teu comercio e os Bonos Activa Comercio forman parte do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que busca fortalecer un sector comercial moderno, competitivo e preparado para responder ás novas tendencias de consumo, ao tempo que se recoñece o seu peso como xerador de emprego e riqueza e como elemento clave para a vertebración do territorio.