A Xunta avalía cos concellos da Área de Transporte Metropolitano de Lugo o estado do servizo
A directora xeral de Mobilidade participou na reunión, enmarcada no compromiso da Administración autonómica de celebrar encontros semestrais en todas as áreas de transporte metropolitano
Lugo, 12 de novembro de 2025
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe cos concellos da Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Lugo no marco da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano. O encontro responde ao compromiso da Xunta de celebrar reunións semestrais en todas as áreas de transporte metropolitano, co obxectivo de avaliar o funcionamento do plan e analizar, xunto cos concellos, a evolución dos servizos que se prestan.
Con antelación a esta xuntanza, os concellos xa recibiran un informe coa actual oferta de servizos en cada un dos municipios, co obxectivo de facilitar a análise do estado actual do transporte na área de Lugo. Así, o encontro serviu tamén para abordar a posibilidade de cambios e modificacións que aliñen a oferta coas necesidades cambiantes da cidadanía.
A comisión de seguimento da ATM de Lugo reúne os concellos de Baleira, Lugo, Friol, Outeiro de Rei, Rábade, Guntín, Castroverde, O Corgo e Castro de Rei. Todos eles están conectados por unha rede de servizos que facilitan os desprazamentos cotiáns cara á capital provincial e entre os concellos da propia área.
Por outra banda, antes de rematar este ano convocarase tamén a comisión de seguimento da Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela, despois de facelo xa coas de Ferrol e A Coruña. Neste caso participan O Pino, Touro, A Baña, Negreira, Oroso, Trazo, Ordes, Santiago de Compostela, Val do Dubra, Ames, Brión, Boqueixón, Teo, Vedra, Rois, Padrón, Vila de Cruces e A Estrada.