A Xunta contribúe con 17.000 euros ao acondicionamento do local social da A.V. Santa María de Vilachá, en Monfero, para facelo máis accesible
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, comprobou esta mañá o resultado dos traballos acometidos grazas a dúas achegas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes concedidas a través do Plan específico de acción comunitaria
Esta é unha das 16 entidades sociais da área territorial que este ano se beneficiaron destas axudas a través das que o Goberno galego expresa o seu compromiso co asociacionismo local
Monfero (A Coruña), 13 de novembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao local da A.V. Santa María de Vilachá, en Monfero, para comprobar o resultado dos traballos acometidos con cargo ás axudas do Plan específico de acción comunitaria que concede a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e da que a entidade foi beneficiaria.
Neste caso a entidade percibiu dúas subvencións por un valor de 17.000 euros, unha de 12.000 euros para a execución de obras de acondicionamento e outra de 5.000 euros para equipamento. Concretamente, a entidade construíu unha rampla na entrada do local coa finalidade de facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida. Tamén se repararon as instalacións de fontanería e electricidade e se construíu un novo baño accesible. Ademais dotouse o centro de novo mobiliario e equipamento informático e audiovisual coa previsión de impartir cursos de iniciación á informática.
A A.V. Santa María de Vilachá é unha das 16 asociacións veciñais da área territorial beneficiarias este ano das axudas do Plan específico de acción comunitaria a través do que o Goberno galego expresa o seu compromiso co asociacionismo local e que deixou unha achega de 146.456 en subvencións na zona.
O Plan específico de acción comunitaria, creado en 2016, está dotado este ano con catro millóns de euros -un millón máis que a convocatoria do ano pasado, cun incremento do 33,3%- para estas subvencións anuais. Destínanse 3,4 M€ para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas e os restantes 600.000 euros para a adquisición de equipamento.