A consellería de Sanidade acolle hoxe a V Reunión de directores xerais de Farmacia do norte de España
Gómez Caamaño destaca a aposta da Xunta por unha prestación farmacéutica preventiva, proactiva e resolutiva que achegue calidade e asegure a sostibilidade do sistema
O titular de Sanidade remarca a importancia dos servizos de farmacia no novo modelo asistencial que está a impulsar o Executivo galego centrado nos resultados en saúde
A medición de datos debe abranguer os diferentes elos da cadea farmacéutica, incluíndo a selección e dispensación dos medicamentos, así como a análise dos estudos sobre como afecta a medicación aos pacientes galegos
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta tarde a aposta da Xunta por acadar unha prestación farmacéutica preventiva, proactiva e resolutiva en aras de achegar un servizo de calidade e garantir a sostibilidade do sistema.
Durante a inauguración da V Reunión de directores xerais de Farmacia do norte de España, o titular de Sanidade salientou o Executivo galego está a impulsar un cambio profundo no seu modelo asistencial, poñendo en valor a importancia que terá o ámbito farmacéutico no obxectivo de acadar un sistema sanitario máis eficiente.
O Servizo Galego de Saúde está orientando as súas estratexias cara a un modelo asistencial que se centre nos resultados en saúde. Así, a medición deste datos científicos facilitará a toma de decisións por parte dos profesionais e tamén contribuirá a transformar o sistema sanitario.
Os servizos de farmacia terán un gran peso neste novo modelo asistencial, tal e como referiu o conselleiro, xa que o novo enfoque de traballo incidirá en todos os elos da cadea farmacéutica desde a selección á dispensación dos medicamentos, e tamén nos estudos de como a medicación afecta á saúde dos nosos pacientes.
A Consellería de Sanidade acolle durante o día de hoxe a xuntanza anual dos directores xerais de farmacia, na que tamén interveñen os responsables das comunidades de Euskadi, Cantabria e Principado de Asturias, e que ten por finalidade fomentar o intercambio de experiencias, coordinar políticas de farmacia e consolidar sinerxías entre as comunidades autónomas do arco norte peninsular.