A Xunta adxudica por 3,6 M€ as obras para mellorar o sistema de abastecemento no Concello de Ares
A actuación ten como fin poñer á disposición da veciñanza auga potable de calidade, presións de subministración axeitadas e garantir en todo momento o servizo
Tamén se busca dotar ao municipio dunha capacidade de reserva hidráulica suficiente para poder afrontar posibles situacións de emerxencia ou de escaseza
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2025
A Xunta, a través de Augas de Galicia, acaba de adxudicar por un orzamento de 3,59 millóns de euros, IVE incluído, a obra para a mellora no sistema de abastecemento do concello de Ares (A Coruña), unha actuación que se executará grazas ao convenio de colaboración asinado a finais do ano pasado entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Ares.
En concreto, a intervención prevista suporá a construción dun depósito de regulación para auga potable de 3.400 metros cúbicos de almacenamento, a creación dunha liña de adución de 2,5 quilómetros de lonxitude desde a condución xeral na contorna do lugar da Barca e a construción dunha liña de distribución de 1,6 quilómetros desde ese novo depósito ata a súa conexión á rede existente na zona de Pedrós.
A estas actuacións engádense outras complementarias, como a instalación de distintas cámaras, unha liña de baleirado e desbordamento desde o depósito de auga ata o medio acuático receptor de 1,5 quilómetros, a colocación de equipamentos de control e a urbanización das zonas que serán obxecto da actuación.
A finalidade destas obras, cun prazo de execución previsto de 12 meses, é mellorar o actual sistema de abastecemento de Ares para poñer á disposición da veciñanza auga potable de calidade, presións de subministración axeitadas e garantir, en todo momento, a prestación do servizo ao conxunto do municipio.
Ao mesmo tempo, búscase dotar tamén ao concello coruñés dunha capacidade de reserva de auga potable nunha cantidade adecuada para afrontar posibles situacións de emerxencia e escaseza. Así, a rede proxectada dará servizo a unha poboación equivalente de 6.751 habitantes (incluíndo tanto a poboación residente como a variable ou transitoria) con horizonte temporal no ano 2045.
Cómpre lembrar que o convenio subscrito entre ambas administracións —con vixencia ata 2028 e posibilidade de prórroga posterior— prevé un investimento total de preto de 4,3 millóns de euros cofinanciados pola UE a través do Feder 2021-2027. Nesta contía inclúese o orzamento reservado tanto para a actuación que se acaba de adxudicar como os custos dos contratos de Seguridade e Saúde e da propia Dirección da obra.
Esta actuación, ademais, é un bo exemplo do compromiso de colaboración técnica e económica de Augas de Galicia cos concellos (que son a administración competente en materia de abastecemento, saneamento e depuración) para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías da Comunidade e mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.
De feito, o orzamento do organismo hidráulico para o ano 2026 sobe un 5,5%, ata acadar os 151,7 millóns de euros, e reservará 7 de cada 10 euros a abastecemento e saneamento —108,7 millóns— e case a metade —73,6 millóns—, a mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas que garantan o acceso da cidadanía a estes servizos.