O conselleiro de Sanidade, xunto coa directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, interveu na xornada sobre esta categoría profesional do Servizo Galego de Saúde

Gómez Caamaño recoñece o labor imprescindible dos 1.610 profesionais de servizos xerais da sanidade pública para o correcto funcionamento e atención dos centros sanitarios

Destaca que habitualmente estes profesionais son o primeiro contacto dos pacientes co centro de saúde e un apoio imprescindible para os sanitarios

Recoñece a capacidade de adaptación dos profesionais de servizos xerais para afrontar novos desafíos e asumir responsabilidades de acordo coas novas necesidades da sanidade

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe a función imprescindible que realizan os 1.610 profesionais de servizos xerais (PSX) da sanidade pública para o correcto funcionamento e atención dos centros sanitarios.

Así o manifestou na xornada sobre esta categoría profesional do Servizo Galego de Saúde que se celebra en Santiago de Compostela e na que tamén participou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares.

Gómez Caamaño recoñeceu que os profesionais de servizos xerais son unha peza esencial nos centros de saúde, xa que achegan orde e orientación aos pacientes e se converten tamén nun apoio imprescindible para que o persoal sanitario poida prestar unha atención de calidade.

Neste sentido, remarcou que son a primeira cara e o primeiro contacto que ten un paciente cando vai ao centro de saúde e marcan o inicio da experiencia desa persoa na sanidade pública.

Gómez Caamaño destacou tamén a capacidade de adaptación de asunción de novas responsabilidades dos profesionais de servizos xerais, na liña das novas necesidades marcadas pola evolución da propia sanidade. 

Segundo enumerou Gómez Caamaño, tanto a tecnoloxía como os novos procedementos, o aumento da demanda asistencial e a complexidade organizativa transformaron a maneira de traballar dos profesionais de servizos xerais e afrontaron eses novos desafíos sen perder nunca a proximidade co paciente.

Entre outras funcións, estes profesionais informan de forma presencial e telefónica os pacientes, tramitan a tarxeta sanitaria, a CHAVE-365, suxestións, distribúen as axendas de profesionais ausentes ou xestionan material ortoprotésico.

O obxectivo da xornada de hoxe, desenvolvida pola Consellería de Sanidade, é recoñecer publicamente o labor destes profesionais e, ademais, escoitar a súa experiencia nos centros sanitarios para afondar nos puntos fortes do seu traballo e naquilo no que se pode mellorar. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2025