Preto de 100.000 persoas beneficiáronse xa en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo FSE+

Máis da metade (55%) das persoas beneficiadas son mulleres

O Goberno galego impulsará novas liñas de actuacións nos ámbitos da accesibilidade á vivenda, a innovación social e a mellora da cualificación en sectores estratéxicos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, deu a benvida aos membros do Comité de Seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027 que se reúne hoxe en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025

Preto de 100.000 persoas en Galicia (98.480) beneficiáronse xa das 87 actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. Deste total, o 55% das persoas beneficiadas son mulleres. Os obxectivos principais desas accións son apoiar o emprego, a educación e a formación, tendo en conta sobre todo ao colectivo xuvenil, a protección social e a loita contra a pobreza, en particular a pobreza infantil, así como a atención á saúde mental.

Desde a aprobación do programa en decembro de 2022 seleccionáronse, en todas as súas prioridades, actuacións por importe de 315 millóns de euros, que se poderá executar ata o 31 de decembro de 2029.

De entre as accións seleccionadas en 2025 para a súa financiación, cabe destacar o Programa de atención sociosanitaria para persoas con trastorno mental severo ou o Programa Galicia Moza con ALMA, unha iniciativa da UE co obxectivo de axudar á mocidade máis desfavorecida a integrarse na sociedade accedendo a un emprego ou a unha formación a través de programas de mobilidade transnacional.

Ademais, a través da modificación do Programa de Galicia recentemente aprobada, está previsto cofinanciar tanto accións aliñadas coa Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa (STEP) que, co FSE+, ampara investimentos que teñan como fin acadar unha man de obra cualificada e resiliente, como novas accións en materia de vivenda e de innovación social.

Comité de seguimento

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, deu a benvida ao membros do Comité de seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021 – 2027 que se celebra hoxe, martes, na Sala de Plenos do Consello Económico e Social de Galicia.

Por parte da Xunta de Galicia, preside a reunión o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, xunto con representantes da Comisión Europea e da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (UAFSE) do Ministerio de Traballo e Economía Social. Na xornada de traballo participan tamén representantes dos organismos xestores das actuacións na Xunta de Galicia, así como das organizacións máis representativas nos eidos de emprego, a educación, a formación e a inclusión social: universidades, CES, CEG, sindicatos e entidades do terceiro sector.

A celebración da reunión complétase con dúas visitas a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo Plus, nos ámbitos da saúde mental e da formación e o emprego xuvenil.

Miguel Corgos aproveitou a súa intervención para defender novamente que as rexións deben seguir xogando un papel central na planificación e na xestión dos fondos de xestión compartida. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2025