A conselleira de Política Social e Igualdade compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia

Fabiola García anuncia a posta en marcha en Santiago de Compostela dun centro de acollida para vítimas de violencia de xénero con problemas de adiccións

Avanza que os Centros de Información á Muller (CIMS) móbiles, que percorrerán os campus universitarios e concellos do rural, estarán operativos na segunda quincena de decembro

O Goberno galego está ultimando o texto da futura Lei de Acoso e Violencia Dixital de Galicia, paso previo á súa exposición pública e á fase de apertura de alegacións

A conselleira detalla as reclamacións ao Goberno central, que se centran na revisión do sistema Viogen, o cumprimento do Pacto de Estado, a dotación de máis xulgados específicos e a toma de medidas ante os fallos do sistema Cometa

O reforzo das políticas contra a violencia de xénero tamén irá acompañado do impulso á promoción da igualdade entre mulleres e homes, unha área que contará en 2026 con 29M€ de orzamento

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento para dar conta das medidas coas que Galicia está a loitar contra a violencia de xénero e a favor da igualdade de mulleres e homes, na semana previa ao 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Na súa intervención, a conselleira explicou os orzamentos que o seu departamento mobilizará en 2026 para combater esta lacra, que sumarán 25M€.

Entre as actuacións previstas, Fabiola García destacou avanzou a ampliación da Rede Galega de Acollemento, coa posta en marcha en Santiago de Compostela o vindeiro ano dunha nova casa de acollida destinada a vítimas con problemas de adiccións. Un novo recurso que, segundo dixo, impulsarase da man de Proxecto Home. Ademais, destacou que se blindará e reforzará a rede de Centros de Información á Muller (CIMS), que conta con 84 centros repartidos por toda Galicia, uns recursos que se verán reforzados proximamente con CIMS móbiles. Estes novos centros móbiles, que percorrerán o rural e os campus, xa estarán operativos na segunda quincena de decembro.

Ademais, no vindeiro ano tamén se seguirá reforzando o marco normativo co que conta Galicia. Deste xeito, a conselleira explicou que a Xunta de Galicia está ultimando o texto da futura Lei de Acoso e Violencia Dixital, tras realizar entre setembro e outubro a consulta pública previa. Na súa intervención, explicou que proximamente se convocará a comisión de avaliación do texto normativo, un paso previo á súa publicación e á apertura da fase de alegacións.

Fabiola García destacou que a Xunta está ofrecendo ante a violencia de xénero “unha resposta integral, firme e coordinada”, unha aposta que, segundo asegurou, consolida  a Galicia como a comunidade “con máis e mellores recursos en materia de violencia de xénero”. Nesta liña, explicou que a política do Goberno galego artellase en torno a tres eixos: a prevención e detección, a atención e protección das vítimas e a súa inserción laboral e independencia económica.

Tras lembrar ás dúas vítimas mortais contabilizadas no que vai de ano, a conselleira destacou que o esforzo inversor da Xunta permitirá o mantemento e reforzo das diferentes prestacións económicas que ofrece para que as vítimas poidan gañar independencia dos seus agresores. Manteranse así as axudas periódicas mensuais de ata 800 euros durante 12 meses, ás que se destinarán 4,2M€,  e os apoios de pagamento único para mulleres con poucos recursos e difícil acceso ao mercado laboral.

Estas actuacións de carácter económico compleméntanse cun amplo abano de medidas en materia de atención, acompañamento, formación e integración das vítimas de violencia de xénero.  Fabiola García destacou, ademais, que moito do traballo realizado pola Xunta é posible grazas á colaboración transversal con concellos, entidades e universidades, aos que agradeceu o seu compromiso.  

Nesta liña de colaboración  e cooperación entre administracións, a conselleira detallou as reclamacións que lle fai a Xunta ao Goberno central e que se centran na revisión do sistema Viogen, o cumprimento do Pacto de Estado, a dotación a Galicia de máis xulgados específicos e a toma de medidas ante os fallos rexistrados no sistema Cometa.

Promoción da igualdade

Na súa intervención no Parlamento, a conselleira incidiu en que o reforzo das políticas de violencia de xénero tamén irá acompañado do impulso á promoción da igualdade de xénero, unha área que contará en 2026 con 29M€ de orzamento. O obxectivo será reforzar as medidas orientadas á inserción laboral das mulleres, especialmente daquelas que se atopan con máis dificultades: como no medio rural ou as que sobrepasan os 55 anos.

Por último, Fabiola García fixo fincapé en que o obxectivo das actuacións da Xunta é lembrar que a violencia non é un asunto privado, nin un problema individual, “senón que é unha cuestión que nos compete a todas e todos”. “Nesta cuestión, non chega con non ser parte do problema: debemos ser parte da solución”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2025