Unha vintena de aspirantes a inspectores e inspectores principais de Policía Local ultima a formación na Academia Galega de Seguridade Pública

O director xeral de Emerxencias e Interior participou hoxe na sesión do curso selectivo de acceso á escala executiva, que conta con 15 alumnos

O curso comezou a mediados de outubro e prolóngase ata o 28 deste mes, con carácter semipresencial

A Estrada (Pontevedra), 20 de novembro de 2025

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto co comisario xefe da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), Jorge Rubal, participou hoxe na sesión do curso selectivo de acceso á escala executiva, nas categorías de inspector e de inspector principal, dos corpos da Policía Local que se está a desenvolver na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Trátase da 10ª promoción de inspectores, que conta con 15 alumnos, e a sétima de inspectores principais, con cinco.

No caso da categoría de inspectores, os aspirantes son dos concellos de Arteixo, O Barco de Valdeorras, A Coruña, Carballo, Pontevedra, Sada, Santiago de Compostela. Pola súa banda, os aspirantes a inspectores principais proceden da Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela.

Ambos os cursos comezaron a mediados de outubro e prolónganse ata o 28 deste mes, con sesións presenciais e en liña. Os contidos estrutúranse en módulos operativos, xurídicos, técnicos, administrativos e de dirección de equipos, así como un módulo práctico. No caso do programa para inspectores abórdase tamén a comunicación e no dirixido a inspectores principais, a xestión directiva e estratexias e xestión de mando.

Cómpre lembrar que nestes días a Agasp acolle tamén as últimas probas do proceso selectivo para o acceso á categoría de Policía Local correspondente á 18ª promoción que se formará na Academia. Trátase do recoñecemento médico, a quinta proba á que se enfrontan os aspirantes para garantir que estean nas condicións axeitadas para o desenvolvemento das funcións policiais. Previamente tiveron que superar o test de coñecemento, a proba de lingua galega para as persoas aspirantes non exentas, as probas físicas, e a proba psicotécnica para determinar as actitudes e aptitudes persoais e a súa adecuación ás funcións policiais.

Unha vez superadas todas as probas, as persoas aspirantes recibirán a formación en dous períodos centrados na teoría, desde o 2 de xaneiro ao 26 de xuño e do 5 ao 9 de outubro, e outro dedicado á práctica, desde o 27 de xuño ao 4 de outubro e desenvolvida nos seus concellos de procedencia.

Proceso selectivo unificado

Desde 2018, a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego. Así, dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, máis do 80% -incluíndo as sete cidades galegas - encomendan á Academia a selección dos seus axentes.

Ademais de formar as promocións de policía local, de auxiliares e das categorías de mando, a Agasp é o centro de referencia da formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias, cun amplo plan de formación continua anual.

Data de actualización: 20/11/2025