Amplíase o prazo para solicitar as axudas a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral ata o 12 de decembro
A última convocatoria deixou preto de 600.000 euros na provincia e beneficiou a 18 establecementos
A nova convocatoria conta cun orzamento de 5 millóns de euros que se reparten entre as liñas de eficiencia enerxética, dixitalización e mellora de fachadas
Sanxenxo (Pontevedra), 20 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o hotel Delfín Azul, no concello de Sanxenxo, que foi unha das empresas beneficiarias da convocatoria plurianual 2023-2024 das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral.
Así, Reguera visitou o avance dunhas obras que están a remodelar e modernizar o establecemento e que aproveitaron diferentes liñas de axudas da Xunta de Galicia. No caso desta convocatoria, o hotel Delfín Azul recibiu unha achega de 55.000 euros que permitiu mellorar o illamento e a fachada de varias habitacións.
Este hotel foi un dos 18 establecementos que se beneficiaron da ultima convocatoria das axudas na área territorial de Pontevedra que contou cun investimento total da Xunta de preto de 600.000 euros.
Ademais o delegado territorial aproveitou para informar sobre a ampliación do prazo da convocatoria de Turismo de Galicia deste ano que estará aberta ata o día 12 de decembro e que conta cun orzamento total de 5 millóns de euros. Esta subvención cubre tres liñas de actuación, sendo que se pode solicitar para traballos de mellorada da eficiencia enerxética; para labores de dixitalización; e para mellora de fachadas.
Cabe destacar que estas axudas cubrirán ata o 80% do custo dos traballos de mellora e teñen como obxectivo mellorar e modernizar os establecementos turísticos do litoral galego.