A Xunta dá luz verde ambiental con condicións á instalación dun campamento de turismo en Padrón
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que o proxecto teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
As instalacións ocuparán unha superficie de 5.460 m2 na parroquia de Cruces e constarán de seis bungalows de dúas prazas cada un e un módulo de servizos con aseos, recepción, lavandería e un posto de venda de produtos de primeira necesidade
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao proxecto para a instalación dun novo campamento de turismo constituído por 7 módulos prefabricados de planta baixa e volume reducido, no concello de Padrón, concretamente na parroquia de Cruces.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados da súa execución sempre que se cumpran os condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia deseñado ao abeiro da iniciativa.
En canto aos detalles das instalación, o futuro campamento turístico está localizado na parroquia de Cruces, ocupando unha superficie total de 5.460 metros cadrados. O conxunto constará de seis instalación tipo bungalow con dúas prazas cada un, e outra construción estable para destinar a servizos como aseos, recepción, lavandería, área de venta de produtos de primeira necesidade e máquinas expendedoras.
Ademais, o proxecto complétase con obras de acondicionamento do terreo e urbanización interior, tales como sendeiros, un vieiro interior perimetral ou unha zona de aparcamento con 16 estacionamentos sinalizados con balizas led e pavimento con drenaxe.
Cómpre subliñar que este informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor se someteu a participación pública sen que se recibira ningún escrito ou alegación, ao tempo que foron consultados un total de 10 organismos.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e leitos fluviais ; do solo e infraestruturas; da fauna e doutros valores naturais; do patrimonio cultural, así como nos eidos da integración e restauración paisaxística e da xestión de residuos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor -Wayrest Hospitality & Estates, SL- da obriga de obter todas as autorización, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente elixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo -a Axencia de Turismo de Galicia- e dáselle publicidade agora mediante o correspondente anuncio no DOG e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.