A Xunta investirá 1,1 M€ para renovar por completo as instalacións do Colexio O Seixo, en Marín

O conselleiro de Educación visita o centro para presentar o proxecto de rehabilitación integral, que se licita este mesmo ano para executalo en 2026

Múdanse a cuberta e as carpinterías exteriores, aplícase illamento térmico nas fachadas e mellórase a accesibilidade do centro, entre outras actuacións

A previsión é acadar un aforro enerxético de case o 50% ao remate da obra

Marín (Pontevedra), 20 de novembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe o Colexio O Seixo de Marín para presentar o proxecto de rehabilitación do centro, no que a Xunta investirá 1,1 M€. Tal e como explicou, a intervención forma parte do Plan de nova arquitectura pedagóxica, “que ten entre as súas prioridades mellorar a eficiencia enerxética dos colexios e institutos, de tal forma que sexan máis confortables para a comunidade educativa, ao tempo que son máis respectuosos co medio ambiente”.

A este respecto, o titular do departamento educativo do Goberno galego detallou que a rehabilitación do CEIP O Seixo vai supoñer “unha renovación total do colexio”. No que atinxe ao exterior mudarase a cuberta (904m²), colocando unha de panel metálico tipo sandwich, substituiranse todas as carpinterías (182 fiestras e catro portas) por unhas novas de aluminio lacado con rotura de ponte térmica e dobre vidro e aplicarase illamento térmico tipo SATE nos 1.939m² de fachadas.

O programa da actuación inclúe tamén melloras no interior, como o cambio da iluminación existente por 475 luminarias LED e de emerxencia, con equipos de regulación da intensidade da luz e de detección do movemento. Así mesmo, incorpóranse falsos teitos e colócanse paneis fonoabsorbentes para mellorar a acústica do colexio e faranse algún axustes na distribución interna do centro.

A maiores acometeranse melloras de accesibilidade, coa instalación dun ascensor. Ata o momento só se pode acceder aos andares superiores do colexio a través de escaleiras, o que supón unha barreira arquitectónica.

“En definitiva, falamos dun reacondicionamento integral deste centro, unha obra que licitaremos antes de que remate o ano para poder executala en 2026”, destacou o conselleiro. A previsión é que a intervención poida rematar a finais do ano que vén e que, á súa finalización, se acade un aforro do 47% en consumo de enerxía e do 50% en emisións de CO₂.

Preto de 3 M€ investidos en Marín

Estas actuacións elevan a preto de 3 M€ o investimento en obras en centros da Consellería no concello de Marín no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Entre as actuacións máis destacadas, acometéronse a rehabilitación integral e a instalación dun ascensor no CEIP Plurilingüe de Sequelo-Marín (1 M€ en total), o cambio de cubertas do CEIP do Carballal (500.000€), a substitución de fiestras e reparación de linteis no Instituto Chan do Monte (255.000€) e o cambio de luminarias do IES Mestre Landín (65.000€).

Tal e como explicou Román Rodríguez, esta intervención forma parte do paquete de 16 obras de mellora en centros educativos para o ano 2026 que a Consellería de Educación vai licitar, por anticipado de gasto, antes de que remate o ano por un importe total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2025