Medio Rural destina 2,1 M€ a proxectos de investimento en actividades non agrícolas e destaca o da adega Vilarvin como exemplo de creación de emprego

A directora xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe en Crecente esta bodega, unha das 56 empresas beneficiarias destas achegas que recibiu unha subvención de máis de 26.000 euros

Ademais, tamén comprobou outras actuacións da Consellería en materia de mellora de infraestruturas rurais na localidade, cun investimento de máis de 100.000 euros

Crecente (Pontevedra), 21 de novembro de 2025

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural, Paz Rodríguez, acompañada polo alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, visitou hoxe a adega Vilarvin para poñer en valor a liña de axudas para proxectos de investimentos en actividades non agrícolas, dotadas na convocatoria de 2025 con 2,1 millóns de euros.

Vilarvin é unha das 56 beneficiarias, cunha subvención de máis de 26.000 euros coa que desenvolverá a súa actividade na elaboración e embotellado de viño espumoso amparado pola Denominación de Orixe Rías Baixas. Do total de beneficiados, 20 empresas desenvólvense no sector da transformación e comercialización de produtos agroalimentarios. Ademais, estas subvencións van permitir consolidar 552 postos de traballo e crear 56 novos empregos.

Ademais, a directora xeral tamén comprobou o estado doutra serie de actuacións da Consellería en materia de infraestruturas rurais en Crecente, cun investimento de máis de 100.000 euros. Neste sentido, visitou as obras de mellora do camiño de Paradela de Angudes, proxecto incluído no Plan Marco da convocatoria 2024/2025 e no que se investiron máis de 54.000 euros.

Por último, trasladouse ata Outeiro de Ribeira, onde se executou unha actuación dentro do Plan de Infraestruturas Rurais, a través do cal se ampliou un camiño de 60 metros de lonxitude cunha achega superior aos 48.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2025